@s sancionad@s por evitar o despexo de Aurelia recorren as sancións que lles impuxo Juárez

Concentración ás portas do edificio gobernamental [Imaxe SG]

Un cento de persoas acompaña a presentación de recurso contra as multas impostas por participar nas mobilizacións contra o desafiuzamento, entre elas Francisco Jorquera e varios bombeiros, que contaron co apoio de afectad@s polas preferentes. Denuncian a “criminalización” que practica o delegado do Goberno

 

As mobilizacións contra os desafiuzamentos proseguen na Coruña, onde aínda se escreben novos capítulos da loita cidadá que evitou o despexo da súa vivenda da anciá Aurelia Rei, que foi contestada dende a Delegación do Goberno que comanda Samuel Juárez con multas a oito activistas. Estas persoas presentaron hoxe, no edificio gobernamental, os seus recursos contra a sanción, acto durante o cal foron acompañados por un cento de persoas, entre elas varios bombeiros -que acudiron en solidariedade cun compañeiro afectado-, membros da plataforma Stop Desafiuzamentos, o portavoz parlamentar do BNG Francisco Jorquera -tamén multado- e un grupo de vítimas da estafa das preferentes, que quixeron amosar así o seu apoio ao movemento contra os despexos.

Jorquera acusa o PP de “usaren figuras xurídicas doutras épocas, como cando eu son multado porque afirman que fun un instigador”

Segundo Héctor Tejón, de Stop Desafiuzamentos A Coruña, estas sancións -de 600 euros cada unha- supoñen “un intento de criminalización dos movementos sociais”. “Nós recibimos castigos,    namentres as tropelías de banqueiros ou gobernantes realízanse na impunidade”, engadiu. Nesa liña, o avogado da plataforma, Antonio Vázquez, acusou a Delegación do Goberno de cometer “unha desviación de poder” ao utilizar unha figura legal “que parte da lei Corcuera” -aprobada por un Goberno do PSOE- e que “serve para reprimir ao que non é submiso, acusándoo de alteración da orde pública”. O letrado dixo non entender como se multa a activistas logo de a autoinculpación de varios deles ter sido rexeitada. 

Pola súa parte, o portavoz do BNG no Parlamento galego, Francisco Jorquera, criticou “unhas medidas que queren amedrontar á cidadanía para que deixe de protestar contra políticas inútiles que levan á exclusión social, como ocorría no caso de Aurelia, á que ían deixar sen nada na rúa”. “Trátanse de actos bárbaros contra os que é lícita a desobediencia civil e a resistencia pacífica, o mesmo que defenderon figuras con recoñecemento universal como Gandhi, Mandela ou Luther King. Porén, actúan ao revés e acusan a quen loita pola xustiza de ser bárbaro”, indicou o voceiro parlamentar do BNG. 

Jorquera tamén acusou o PP de “usaren figuras xurídicas doutras épocas, como cando eu son multado porque afirman que fun un 'instigador'. Ademais, con estes expedientes administrativos queren evitar que acudamos diante dun xulgado para defender o noso proceder de forma pública”. “Non ten sentido tampouco que haxa sancións individuais para unha actuación que foi solidaria e colectiva”, rematou.