Doentes pagarán por adiantado as consultas e intervencións que o Sergas derive á privada

“De escándalo”. Así cualifican sindicatos e colectivos a idea da Xunta de que @s pacientes adianten os cartos daqueles servizos da sanidade privada aos que sexan derivados polo Sergas. Iso si, o Servizo Galego de Saúde comprométese a reembolsar os cartos


O Consello Económico e Social ten entre as súas mans para o seu estudo o posterior informe o anteproxecto da Lei de Garantías de Prestacións Sanitarias. Unha norma que, segundo a Xunta, procura que ninguén tarde máis de 60 días en ser operado nin máis de 45 para unha consulta ou proba diagnóstica. Procura así rebaixar as listas de agarda na sanidade galega . En cirurxía, a finais do ano pasado, esa espera na Galiza era de 83 días, 10 por riba da media estatal.

Mais para acadar ese obxectivo, o anteproxecto contempla unha verdadeira navallada á sanidade pública. Así, se non pode prestarlles atención na rede de sanidade pública dentro deses prazos, a Xunta proporalles ser atendidos na privada, e nun centro que eles elixan. Iso si, o paciente terá que adiantar os cartos. A Xunta reembolsarallos,afirma, máis tarde.

Rexeitamento

Esta intención xa mereceu o rexeitamento de diferentes sindicatos, agrupacións e colectivos de médicos e enfermeiros, e mesmo da Asociación de Hospitais Privados de Galiza. Se ben poden diverxer en certas críticas, todos eles coinciden en que é unha “aberración” e un “escándalo” que desde un poder público se anime a un paciente non só a ir á privada, senón que se lle obrigue a adiantar os cartos.

Neste sentido, son claros: “Os que teñan menos recursos, non poderán costear esa operación, consulta ou proba”, polo que ficarán relegados a respecto dos que si teñen eses cartos. “É meter o darwinismo na sanidade en base ao poder económico dos pacientes”.

Así, CIG-Saude xa alertou no seu momento de que este antepoxecto ampara "baixo a promesa de facilitar ás persoas usuarias dos sistema sanitario unha maor calidade na prestación", unha aposta "porprivatizar a sanidade", dando unha "maior particpación ña sanidade privada para privatizar a pública por vía indirecta". Nesta liña, desde Satse (Sindicato de Enfermeiría), esta aposta da Xunta de Feijóo só pode entenderse porque queren "derivar pacientes á privada".