O PP garda para si un informe sobre as obras do hospital de Vigo polo que pagou 220 mil €

A plataforma SOS sanidade pública vén de presentar unha denuncia após recibir os 2 mil folios do expediente de concesión das obras á UTE que lidera Acciona Infraestruturas e comprobar como o documento, que custou 220.660 euros e que o PP encargou a unha empresa privada para valorar todas as ofertas presentadas, non fai parte dese expediente

A plataforma SOS sanidade pública vén de presentar unha denuncia contra o procedemento de adxudicación do novo hospital de Vigo ao apreciaren indicios do que podería constituír un delito de ocultación por parte do Sergas.

Segundo sinala o escrito, que vai asinado polo presidente do colectivo cidadán, Manuel Martín, o servizo público non tería presentado o informe externo encargado á consultora Price Waterhouse Coopers, documento en que se valoraban as dúas ofertas presentadas para a contrución do centro e a concesión das prestacións non-sanitarias durante os vindeiros vinte anos. "Os galegos teñen dereito a coñecer por que se valora máis unha oferta que outra", sinalou Martín.

Martín recibiu os 2 mil folios de documentación do expediente após presentar un recurso contencioso-administrativo contra a adxudicación das obras á UTE --unión temporal de empresas-- liderada por Acciona Infraestructuras. A plataforma revisou a documentación e non deu co informe que se tomou como base para tal concesión nin xustificación algunha para ese asesoramento externo "cando o Sergas ten á súa disposición funcionarios capacitados".

O asesoramento na avaliación das propostas para a construción do hospital vigués custou 220.660 euros, segundo publicou o Diario oficial de Galiza o 27 de outubro de 2010. A adxudicación do contrato fora tramitada dous meses antes pola vía da urxencia. "Descoñecemos se a Administración habitualmente utiliza o mes de Agosto para facer públicas resolucións administrativas de contratación como a que nos ocupa e se o carácter urxente da mencionada resolución é o máis adecuado e debe ou non xustificarse dalgún modo", sinala o escrito enviado aos xulgados.