''Que soldo nos terían que pagar ás mulleres se os coidados fosen traballo remunerado?''

Nun momento en que a Lei de Dependencia deixará sen prestación a ao redor de 15.000 coidadoras de persoas dependentes, a economista Astrid Agenjo pon en valor a economía dos coidados e a necesidade de rachar coa vinculación entre dereitos sociais e traballo remunerado

Advirte que fala moito e moi rápido, e non mente. Mais unha conversa con Astrid Agenjo é toda unha lección de economía en clave de xénero. Entrándolle ao xogo ao inimigo, defínese a si propia como parte dunha xeración perdida e nunha visita á Galiza  repasou connosco a fenda que abriría a Rbis nun contexto socioeconómico onde non existen persoas, só forza de traballo.

P: Cómpre rachar cun panorama onde os nosos dereitos son parasitos do emprego remunerado?

R: Canto antes. Recoñécese que todas as persoas temos dereito ao coidado en tanto que somos interdependentes e ecodependentes, mais nunca os coidados serán un dereito na medida en que non pasan polo eido mercantil. Non estamos a falar de pór no centro as nosas vidas, senón que se nos coloca como forza de traballo: temos dereitos porque servimos o capital. Por iso é tan perverso! Porque as nosas condicións de vida, se non somos forza de traballo, non importan.

P: Que importancia xogan os traballos non remunerados do fogar?

R: Seguindo o discurso dominante, a renda circula do xeito que segue: as persoas imos ao mercado vender a nosa forza de traballo a cambio dun soldo, ese soldo vai aos fogares e alí, por arte de maxia, reproduce forza de traballo. E aquí é onde o invisíbel xoga un papel: non hai maxia, o que hai é unha cantidade de tempo destinado a producir bens e servizos, mais tamén coidados, cariño, saúde. E todo isto é fundamental! Por iso se mostra! Imaxina que cos salarios que nos pagan tivesemos que remunerar todos eses coidados... que soldo teriamos que ter? Hai persoas traballando como formiguiñas e sen cobrar ren para soster 'o de arriba'.

P: Após a túa lectura da crise en clave feminista, podes facernos un resumo? 

R: [ri] Podo intentalo! Hai unha corrente que se centra en observar como afecta a crise de maneira diferenciada a mulleres e a homes, e como após a caída dos ingresos as mulleres somos quen de despregarmos as nosas estratexias para que as condicións de vida desa familia non se vexan prexudicadas. Mais se nunha casa entraban 1.000euros e pasan a entrar 500, á hora de facer a compra esa muller non irá á tenda de enfronte, dará unha volta polo barrio procurando ofertas: o tempo de traballo non remunerado intensifícase.

P: Mais esa análise non sae dos mercados e derivados: consumo e emprego...

R: Xusto! Por iso temos que ollar cara á sustentabilidade da vida e colocando a persoa no albo da análise. A crise financeira desde logo non é a única que está a se dar. Eu ando a traballar nunha reportaxe e pregúntolles ás señoras 'A vostede a crise como lle afecta?' O primeiro que che din é 'Ui, a crise! Eu levo en crise 20 anos!' Que agocha esta resposta? Que o que estalou en 2007 non é a crise con maiúsculos, senón que a crise de reprodución social, dos coidados, ecolóxica... viña precarizando as nosas vidas desde hai moitas décadas. Eu pertenzo a esa xeración perdida. As miñas espectativas de vida material e emocional viñéronse embaixo. Mais non é culpa da crise da prima de risco, por dicilo en termos absurdos, senón dunha lóxica que leva anos sosténdose a costa da vida das persoas.

P: É posíbel a mudanza nas relacións socioeconómicas sen o feminismo?

R: [rotunda] Non. Só reivindicamos ser suxeitas activas de pleno dereito. A revolución será feminista, ou non será. O lema é literalmente certo.