“Pasou moito tempo, pero botei de menos unha maior mobilización durante o xuízo”

Pedro Trepat / Avogado de Nunca Máis no xuízo do Prestige

Após nove meses de proceso xudicial e unha vez finalizado, o letrado da plataforma acusa o Goberno de demorar de forma intencionada o xuízo pola catástrofe, que tardou en se realizar dez anos, para evitar consecuencias políticas. Resalta a chulería de Cascos na súa comparecencia e pensa que non se van cobrar as indemnizacións por unha neglixencia do Estado español

 

Rematou o xuízo do Prestige, que comezou dez anos despois do naufraxio e a posterior marea negra e cuxo veredito se espera para cando se cumpran once.
Unha instrución tan dilatada no tempo denota que algo se fixo mal, existiu unha dilación indebida que distancia a administración de Xustiza dos acontecementos dun xeito tan brutal que fai que socialmente se perda a función inherente á xustiza, como a exemplaridade que se deriva duns feitos que poden ser tipificados como delitos e que precisan unha solución rápida.

Ese adiamento foi intencionado por intereses políticos?
Foi intencionado desde a perspectiva de que houbo unha manifesta pasividade co xulgado de Corcubión, que é pequeno e esixía unhas dotacións de medios técnicos e humanos axeitados á situación, que non se lle concederon. Foi moi chamativo que case ao mesmo tempo pasou o dos atentados de Madrid o 11-M, algo tamén moi complexo, con case douscentos mortos pero que como politicamente era máis interesante resolvelo rápido, solucionouse nun tempo moi rápido e exemplar, incluso nas apelacións. Politicamente o do Prestige era menos interesante, quedou amortizado en pouco tempo. Non houbo interese en dotar a Corcubión de medios, iso é evidente, o que provocou que se demorase tanto no tempo.

O xuízo transcorreu con normalidade xurídica, con garantías?
Desenvolveuse ben, o tribunal foi tolerante, non houbo a presión constante que hai cando o xuíz é intervencionista, aquí mantivo unha liña prudente e de liberdade.

"Estamos convencidos, e dixémolo na causa, que as decisións tomáronse en máis altas instancias que López Sors"

E vostede e o seu compañeiro Alejandro Martín, representando a Nunca Máis, tiveron un papel central.
Creo que lle dimos unha vivacidade ao xuízo que antes da nosa intervención non había porque todo a aparataxe oficial estaba centrada no barco, e o xuízo quedaría moi coxo se non se intentan depurar responsabilidades gobernamentais. Se nós non estiveramos, o xuízo quedaría incompleto, que xa quedou porque no ámbito político faltou xente. Estamos convencidos, e dixémolo na causa, que as decisións tomáronse en máis altas instancias que López Sors, pero a competencia é do director xeral da Mariña Mercante, e el desde o primeiro momento asumiu todas as responsabilidades e estamos a falar dun proceso penal, non político, e non se puido chegar máis alá.

Até o presidente do tribunal afirmou publicamente que no banquiño faltaban responsábeis.
Non podes levar a un cidadán a un proceso legal por un convencemento, e López Sors actuou nese sentido como dique, parapetándose e asumindo todas as decisións, contra iso non se puido ir máis alá para imputar a outros responsábeis políticos, malia que o intentamos.

"López Sors tomou unha decisión política independentemente do que acontecía no barco e mantena contra todos os consellos científicos e as circunstancias"

Moitas intervencións, sobre todo de expert@s, apuntaron o goberno do Estado como causante do desastre.
Hai informes periciais moi importantes, o noso de Felipe Louzán foi magnífico, estivo sometido durante tres días a un interrogatorio das partes, o que manifesta a súa relevancia. Pero a responsabilidade penal de López Sors radica non tanto no que fixo co buque, que é unha decisión técnica, senón en non ter a mínima dilixencia para decidir en base a criterios científicos, aí está a clave. El tomou nas primeiras horas unha decisión política independente do que ocorría no barco. Puido actuar correctamente, formando un gabinete técnico como manda o Plan Nacional de Salvamento, con asesores de todo tipo, e tomar unha decisión con eles e que saíse mal, podía ser, pero daquela non sería unha imprudencia temeraria por parte de López Sors. El toma unha decisión política e mantena contra todos os consellos científicos e as circunstancias.

Logo de anos mergullado no tema, escoitando a ducias de persoas, a pregunta do millón: que se debeu facer co Prestige? Levalo a Corcubión?
Parece obvio e así se revelou, que o barco debeu ser resgardado. A decisión inicial de afastalo da costa para evitar que embarranque é lóxica, pero non podía ser a final. Mais o día 14, con tripulación, remolque, boas condicións meteorolóxicas e o barco a unhas horas de navegación dun porto que o propio Estado recoñecía que reunía as condicións, pois todos os técnicos consideran que o buque tiña que ser abrigado. Onde? Parece claro que Corcubión era o sitio axeitado, polo menos a efectos de abrigo. Esa até era a opinión que en 'petit comité' daban tamén responsábeis de salvamento da administración do Estado.

"Parece claro que Corcubión era o sitio axeitado, polo menos a efectos de abrigo. Esa até era a opinión que en 'petit comité' daban tamén responsábeis de salvamento"

De todos @s comparecentes, cal lle deixou peor sensación?
Álvarez Cascos tivo unha declaración chulesca e prepotente, moi no seu estilo, e amparado na tranquilidade de saber que aínda que matase o capitán do barco, pasados dez anos non o poderían imputar, estaba prescrito. Non tivo relevancia penal, pero si foi unha curiosidade que ratificou o seu estilo. Chamoume tamén moito a atención López Sors, totalmente diferente ao que vira na fase da instrución, na que aínda tiña o posto de director xeral, encubría a alguén que seguía no poder, viña acompañado dun fiscal xefe de infausto recordo, e daquela tivo unha actitude despectiva e chulesca con nós, como quen acudía a un mero trámite cuns pringados. Agora ten dez anos máis, xa 78, as persoas que amparou daquela xa non lle fan caso, e tivo que aturar como imputado nove meses e vino moi diferente, contraditorio, incluso con problemas na capacidade de expresión, moi afundido con respecto ao de hai unha década.

Mangouras?
É un home que xera simpatías, nós mantivemos a imputación por corrección procesal, pero é un home moi respectado no mundo do mar, como capitán tomou unha decisión valente, salvou á tripulación e puxo en risco a súa vida, creo que é un pouco forzado encaixalo dentro do entramado do barco. Na súa última intervención Mangouras foi moi emotivo, o que chocou con Sors, que só tivo palabras para a súa Defensa.

Ese enorme entramado de sociedades que hai detrás do buque... vai ser posíbel cobrar indemnizacións polo ocorrido?
É practicamente imposíbel que se poidan cobrar indemnizacións porque están esgotados os topes dos seguros. A única peza do entramado do buque que ten solvencia e podería devolver cartos é ABS, que, simplificando, foi a que avalou que o barco estivese no mar, por iso non entendemos que ABS non estivese aquí, foi un enorme erro, o Estado non quixo apoiar as nosas teses para que ABS estivese neste xuízo porque non lle cadraba coa súa aventura americana do proceso alí, que custou 36 millóns de euros das arcas públicas.

"É practicamente imposíbel que se poidan cobrar indemnizacións porque están esgotados os topes dos seguros"

Sentiu soidade ou esquecemento durante o xuízo?
Si, e iso resulta un feito moi negativo. Eu entendo que en dez anos non se pode manter un nivel de resposta civil como o que houbo no seu momento, pero entre aquilo e isto houbo demasiada diferenza, un abismo. Pódese dicir que non houbo resposta civil que acompañase á comisión xurídica que estivo aí dando o callo nove meses de xuízo, sen apoio real da sociedade, iso teño que dicilo, mal que pese, paréceme lamentábel. Debeuse reactivar parcialmente a resposta civil, e se non pasou é unha eiva e unha alarma.

Queda a sentenza.
Eu dixen que esperaba que a sentenza tivese un efecto exemplarizante e pedagóxica en canto a que se volve pasar algo como o do Prestige, que é posíbel, as autoridades non se vaian de cacería nin desprecen ás opinións científicas.