'Parir non é o destino da muller'

Concentracións en Ferrol (1) Compostela (2) e Lugo (3)

Centos de persoas saíron á rúa na segunda feira respondendo ao chamamento do Bloque en prol do aborto. As mobilizacións continúan hoxe da man da Plataforma galega. Quecen motores para a mobilización nacional do 16 de xuño


​Que lles quiten os rosarios dos ovarios; que parir non é o seu destino; que a sexualidade non é maternidade; que xa que elas paren, tamén deciden elas; e unha advertenza para a Conferencia episcopal española que xa se converteu no hino habitual das concentracións en prol do dereito das mulleres á autodeterminación sobre os seus corpos: vana queimar, por machista e patriarcal.

Ourense, Cee, Lugo, A Coruña, Vigo, Compostela e Ferrol mobilizáronse esta segunda feira para mostrar na rúa o rexeitamento á contrarreforma que se cociña en Madrid para criminalizar a interrupción voluntaria do embarazo, pasando da lei de prazos actual (2010) a outra de supostos como a que foi aprobada en 1985. Porén, será aínda máis restritiva. Segundo as pílulas que foi deixando o ministro de Xustiza na imprensa, podería desaparecer o suposto de dano fetal e as mulleres volverán alegar enfermidade psicolóxica se queren abortar na sanidade pública. 

Terza e quinta feiras

As mobilizacións por un aborto libre e gratuíto continúan esta semana. A Plataforma galega polo aborto convoca dúas accións: unha concentración en Vigo (farola de Príncipe, 19.30h) e unha manifestación en Compostela que sairá ás 19.30h da Praza de Galiza e que rematará cun escrache diante do Arzobispado cadrando coa conmemoración do Día internacional da saúde das mulleres. 

As participantes están chamadas a vestiren de lilás ou con disfraces de bispos, monxas, curas ou calquera motivo eclesiástico e portaren cirios ou candeas, facendo parodia dunha procesión relixiosa como xa se fixera en Vigo. Por derradeiro, na quinta feira, o debate no pleno do Goberno municipal dunha moción en prol do dereito das mulleres a interromperen libremente o seu embarazo, presentada polo grupo do PSdG, carrexará unha concentración ás portas de Raxoi convocada tamén pola Plataforma.