“Para Telefónica @s galeg@s só existimos para pagar as facturas"

Protesta da CIG Telefónica en Compostela
Delegad@s da CIG das distintos puntos de Galiza manifestáronse hoxe diante da sede de Telefónica en Compostela mentres no interior o seu presidente, César Alierta, mantiña unha reunión que o sindicato cualificou de "clandestina". Na saída entregáronlle un documento coas súas reivindicacións.

Protestaban polo que consideran un "reiterado incumprimento" da empresa diante das demandas de información que lle fan a través dos comités. Segundo explica Antón Lima, delegado sindical da CIG en Telefónica, “a empresa está a desenvolver plans de reorganización que afectan a Galiza sen que saibamos nada e non vamos a consentir nin a permanecer calados mentres se obvia ao cadro de persoal”.

As protestas incrementáronse cando o ano pasado Telefónica trasladou a capitalidade territorial da empresa da Coruña a Bilbo, “a pesar da presenza no mercado que ten Telefónica no noso país”, como indican desde a CIG. Fontes sindicais nacionalistas consideran que o cadro de persoal non é proporcional na Galiza e está por debaixo do que corresponde considerando parámetros como o produto interior bruto, o número de liñas instaladas e a poboación, mesmo comparando con Euskadi onde foi trasladada o centro territorial.

Menos emprego e menos cualificado

“Trasladáronse as direccións, as xefaturas e, polo tanto, reduciuse a mínimos os niveis de emprego cualificado”, denuncia Antonio Lima. A CIG pensa que desaparecerán de Galiza a medio prazo todas as oportunidades laborais en telecomunicacións. “Parece que para Telefónica só existimos @s galeg@s para pagar as facturas, Galiza tamén existe para producir servizos de telecomunicacións”.

Segundo este delegado sindical “quen queira traballar no mundo das telecomunicacións vai ter que traballar fóra da Galiza, en empregos cualificados terá que ir a Bilbo, Barcelona ou Madrid”.A CIG quere un cadro de persoal na Galiza “proporcional” ao peso económico que ten a actividade desta empresa no país. “Zonas desenvolvidas como A Coruña e Pontevedra teñen máis liñas ca Asturies e modificóusenos as condicións laborais en vistas a reducir persoal”.

“Trasladáronse as direccións, as xefaturas e, polo tanto, reduciuse a mínimos os niveis de emprego cualificado”

Dereitos lingüísticos

Outra das exixencias que a CIG lle presentou ao presidente de Telefónica é que con motivo do plan social do ERE “unha mínima cantidade de empregos, só un 7% ”, as incorporacións realízanse a través de Madrid. Segundo denuncia Lima, ademais das dificultades para acceder a esas prazas por parte de candidat@s de procedencia galega, exclúese a cualificación do idioma propio. “Non se defenden os dereitos lingüísticos d@s clientes en Galiza”. A selección de persoal fóra da Galiza sería a causa máis importante de que Telefónica teña hoxe unha “pésima ou nula” atención en galego.