"Os medios de comunicación públicos están secuestrados, son medios gobernamentais"

Galiza Ano Cero saiu á rede e en menos de 24 horas conseguiu unha sexta parte do orzamento que precisa para botar a andar. "É un proxecto bastante aberto", aseguran @s promotor@s, con vocación de "xerar unha comunidade" que faga esoutra televisión. A que non hai. Polo de agora, os apoios recibidos e o agarimo que numerosas persoas lles fixeron chegar deixa ver que un obxectivo está cumprido. Hai alguén do doutro lado da pantalla que ten gañas de escoitar o que teñen que dicir.

 

Conversamos con el@s nos primeiros número do noso semanario. Naquela altura, daban os seus primeiros pasos. Desde esta segunda feira, Galiza Ano Cero lanza unha campaña de crowdfunding para conseguir en 40 días 6.300 euros que permitan autoxerir unha iniciativa que pula por se converter nunha comunidade. Unha rede que una múltiples ideas e intereses perante unha realidade mediática, económica, social que tildan de "desoladora". 

Que é Galiza Ano Cero
De momento é un punto de partida, un proxecto bastante aberto. Mais pretende ser unha canle de televisión non lucrativa para internet con dous programas inicialmente quincenais –un de debate e outro de entrevistas. Amáis é unha asociación cultural porque tiñamos que darlle soporte legal á actividade. Doutra banda, é un banco de tempo. Unha ferramenta que empregaremos para afrontar gastos e remunerar minimamente as tarefas que se derivan da produción e edición. Aliás, é unha comunidade porque en realidade é do que gostariamos que fose, pois non queremos que sexa unidireccional. Mais se se converte ou non nunha comunidade dependen tamén dos demais. 

"Temos vontade de converter Galiza Ano Cero nunha plataforma de microfinanciamento para novos programas doutras comunidades de intereses"

Falabamos con Irmandade.tv e apostan nun portal de contidos agregados. Explorades desde Galiza Ano Cero esta posibilidade?
Polo de agora non. O noso obxectivo é garantir unha célula mínima de programación que serían eses dous espazos –o de debate e o de entrevistas-- e como obxectivo a medio-curto prazo tiñamos a  idea de garantir o mínimo, que é ter viabilidade económica e aprendermos a traballar xuntos producindo programas. Temos vontade de converter Galiza Ano Cero –se for posíbel-- nunha plataforma de microfinanciamento para novos programas doutras comunidades de intereses que sexan capaces de autofinanciaren novos espazos dentro de Galiza Ano Cero; por exemplo, se unha asociación ten unha idea e quer facer un programa, a nosa vocación é dármoslle acubillo para autofinanciarse e autoproducirse. 

Saístes á rede e conseguistes máis de mil euros. Agardábades este acollemento?
[Ri] Agardabamos afecto porque xa o tivemos ao comezo, cando comezamos coas primeiras pezas a partir das gravacións piloto que se fixeran. Recibimos moito afecto público, e non tan público, pois a través da conta de correo electrónico fixéronnos chegar ofrecementos de moita xente para colaborar, botar unha man dando ideas... O agarimo si que o agardabamos. O que foi unha sorpresa –quizais por non termos experiencia previa-- foi conseguir unha sexta parte do orzamento en apenas 6 ou 7 horas. Iso foi unha ledicia. Pois unha das cuestións importantes da campaña de financiamento era constatar que había alguén do outro lado. Que isto interesa e que pode xerar unha comunidade. 

Situades o proxecto abaixo e á esquerda pulando por unha outra televisión. Como vedes o panorama dos medios de comunicación?
O panorama dos medios é desolador aquí e en calquera outra parte. Os medios públicos están secuestrados, son medios gobernamentais. Non é algo de hai pouco tempo, mais agora iso acúsase máis ao estaren en mans da dereita. Os medios privados están nunha deriva suicida, despedindo profesionais, precarizando produtos... De maneira que os medios son máis necesarios cá nunca e temos menos que nunca. Amáis, non hai apenas medios deste tipo vencellado a medios libres e comunitarios. 

"Os medios son máis necesarios cá nunca e temos menos que nunca"

O nome apunta cara á unha xénese. Nace tamén Galiza Ano Cero para remexer conciencias?
O nome vén do seu precedente inmediato que foron unha serie de coloquios organizados no Mentireiro –un bar da Coruña-- coincidindo coas últimas eleccións, co que faciamos referencia a esa desolación, tamén no campo da esquerda, a nivel económico... tentaba condensar a idea da necesidade e da urxencia de reconstruír espazos de convivencia, a esquerda mais tamén reconstruír ideas, reaprender a facer política, a transformar a sociedade... 

Vénme á cabeza GZ Videos, un proxecto de activismo audiovisual de carácter popular. Nace Galiza Ano Cero como un proxecto emando do pobo?
Nós chamámoslle comunidade. E é iso. Que as persoas se xunten, que sexan capaces de traballar xuntas, de negociar, de dialogar e a partir de aí xeraren produtos. Quizais a diferenza con outro tipo de modelos que veñen lexitimados pola comunidade é a idea de facer produtos audiovisuais moi codificados. Isto non vai ser un repositorio de vídeos, aínda que se poidan facer retransmisións en streaming e se poida gravar unha manifestación. A idea é facer debates e entrevistas, programas moi doados de decodificar e de ver. Algo que cando fixemos os coloquios viamos como un problema. No Mentireiro detectabamos interese, pois os coloquios tiveron público mais dabamonos conta de que o streaming era horríbel. Estabamos pedíndolle á audiencia un esforzo enorme para seguir unha gravación de 2 horas de moi baixa calidade. Aí acendeu a bombilla. Tentamos xuntar persoas, ideas... mais con certos estándares. Que entendelo e escoitalo non fose un esforzo tan grande, de aí a idea de facer un programa de debate e outro de entrevistas.