''O tratamento penal da violencia machista é matar moscas a canonazos''

O goberno español pretende eliminar do Código Penal o concepto 'violencia de xénero', introducido expresamente neste e noutros textos lexislativos após a aprobación en decembro de 2004 da Lei de medidas de protección integral. Os cambios propostos por Gallardón endurecen máis aínda o CP. Porén, rebaixan a carga punitiva para aqueles delitos relacionados co terrorismo machista

 

O 29 de xuño de 2005 entrou en vigor a reforma do Código penal español realizada após a aprobación, uns meses antes, da Lei 1/2004, do 28 de decembro, de Medidas de protección integral contra a violencia de xénero. A nova norma trouxo canda ela mudanzas en textos legais como a Lei de enxuizamento criminal, a Lei orgánica do poder xudicial, a Lei de demarcación e planta xudicial, o Estatuto orgánico do Ministerio fiscal ou o Regulamento penitenciario. No CP os cambios afectaron a un total de 9 artigos referidos á tutela penal do encausado por un delito de malos tratos contra as mulleres.

O PP procederá agora á eliminación do tipo penal 'violencia de xénero' no anteproxecto de lei impulsado para reformar o CP, concepto que de maneira explícita fora introducido coa Lei 1/2004, e introducirá a mediación como medida para condicionar a suspensión da execución dunha pena. Dispón, así mesmo, que unha pena privativa de liberdade --como podería ser un dispositivo de localización permanente do maltratador-- poderá ser substituída por unha multa, suposto que a Lei contra a violencia machista desbotaba tamén de maneira expresa.

Un CP que lle quita importancia ao terrorismo machista

Fronte a estes cambios que se introducirán no CP, que restan carga punitiva para os delitos de malos tratos contra as mulleres argumentados baixo unha suposta "mellora técnica", a reforma de Gallardón inclúe para outros delitos penas inspiradas na premisa de vixiar e punir: prisión permanente revisábel e custodia de seguridade con até 10 anos de duración.

A avogada Sara Carou analiza este novo paso dado polo ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, e móstrase taxativa: "o tratamento penal da violencia contra as mulleres é matar moscas a canonazos". Di a letrada que non concorda nin co propio termo, 'violencia de xénero', considerando máis acaído "violencia machista porque do que estamos a falar é dunha cousificación da muller".

Considera Carou que a solución para este "problema social" non está "na represión" senón "na reeducación" do maltratador, e arremete contra o goberno español por presentar medidas "de cara á galería", aparentando unha preocupación tal "que crean catro institutos e dous observatorios" para proceder despois a recortar nas políticas de prevención, de atención e, agora, para retirar do Código penal o propio concepto. Para alén de mudar a maneira en que se enfoca a violencia contra as mulleres, incidindo en que "a privación de liberdade para un agresor deste tipo non solventa moito, pois el non considera que os malos tratos sexan delito", Sara Carou entende que "a intención de provocar un dano na muller" debera ser agravante en calquera tipo delitivo.

As políticas do PP cébanse coas mulleres

Perante a reforma do CP a presidenta da Rede de mulleres contra os malos tratos de Vigo, Rosa Fontaíña, asegura que "xa estou a agardar a ver cal vai ser a próxima" e enmarca a intención do PP "nas políticas da dereita: botarlle terra ao asunto e que aquí non se saiba nada, coma antes". Convida Fontaíña a analizar "lei por lei" con atención e desde unha perspectiva de xénero, ollando como "todas" as medidas aprobadas se ceban coas mulleres. Asegura que "eu case boto de menos a situación de hai dez anos, cando parecía que avanzabamos en algo, fronte aos recortes de agora, que atacan as nosas liberdades", e sinala como a supresión do concepto 'violencia de xénero' suporá "máis un paso atrás" na loita contra os malos tratos.

Ao igual que a letrada Sara Carou, tamén Fontaíña, que traballa man a man con mulleres en situación de violencia machista, está convencida de que a reeducación é máis eficaz que a represión no que ao combate fronte aos feminicidios se refire. Ao lle preguntar se a Xunta de Galiza ou o goberno español toman en consideración a opinión dos colectivos sociais enlamados na prevención do terrorismo machista, bota a rir. "Para nada!", sentencia, recordando que durante os anos do goberno bipartito "si que se contou con nós á hora de redactar a Lei galega, mais agora nada de nada".

Máis unha "aberración" da dereita

A idea do goberno español "é unha aberración que vén anular o traballo de décadas do movemento feminista. Haberá que comezar máis unha vez desde cero, explicando que é a violencia de xénero". Luisa González é avogada e activista do Observatorio Mariña pola igualdade. Recalca a dificultade que xa a día de hoxe existe "para demostrar nun xuízo unha situación de malos tratos físicos, non digamos xa psicolóxicos ou económicos" e insiste na pouca fortuna da reforma proposta por Gallardón na liña de que o terrorismo machista é cada vez máis frencuente entre a poboación máis nova, menores de 30 anos e, lonxe de se estancar, adquiriu nos últimos tempos "novas manifestacións".

Refírese González a un uso das novas tecnoloxías que se fai "dunha maneira moi sutil en contra das mulleres" incentivado pola imaxe que delas se recolle nos medios de comunicación e, de maneira máis concreta, en series de televisión e films. "Esa idea de que os ciumes son unha mostra de amor", comenta a letrada, quen se manifesta "enormemente preocupada" perante un panorama en que a mocidade "non sabe recoñecer" os indicadores da violencia machista e tanto o goberno español como a Xunta de Galiza se afanan en recortar nas políticas orientadas cara á equidade de xénero. Consideran no Observatorio feminista que "non interesa subliñar que as mulleres somos maltratadas polo feito de ser mulleres" e nese desleixo enmarcan as mudanzas impulsadas polo PP.

Lexislar para unha sociedade "relaxada" fronte ao machismo

Así as cousas, sinala Luísa González que "a mediación é unha ferramenta moi útil en conflitos familiares, mais nin a violencia de xénero é un conflito familiar nin as partes están en igualdade de condicións". Quéixase tamén da posibilidade de que o maltratador poida eludir a súa responsabilidade pagando unha multa, pois "reforza a idea de que quen ten diñeiro pode actuar libremente", e lamenta que o ministerio de Xustiza endureza as penas "para delitos que eles consideran graves" entrementres no Estado español a taxa de criminalidade é a máis baixa de Europa e na Galiza se reduce aínda até a metade.

Porén, a taxa de poboación reclusa é a máis alta e o Código penal, xa antes da reforma implementada por Gallardón, é o máis duro. Sen estar de acordo coas penas privativas de liberdade como solución para frear o terrorismo machista, González explica a rebaixa na carga punitiva destes delitos: "lexíslase en función do que se oe, que debe ser bo home e que aturar á muller non debe ser tarefa doada, devolvendo a violencia de xénero ao eido privado dos conflitos familiares".