“O PP procura meter os movementos sociais no caixón de xastre do terrorismo e a ultraviolencia”

Xabier Castiñeiras, activista de STOP Desafiuzamentos Compostela, falou con Sermos Galiza sobre a decisión do PP de vetar a Iniciativa Lexislativa Popular contra os despexos no Congreso. A polémica dos escrachos e a criminalización dos movementos sociais foron outros dos temas tratados nesta entrevista.

 

Despois do PP darlle ás costas á Iniciativa Lexislativa Popular contra os despexos, STOP Desafiuzamentos Compostela afirma que o goberno presidido por Mariano Rajoy só procura gañar tempo para non amosar á cidadanía o seu inexorábel apoio á banca, nun contexto no que as rúas andan especialmente quentes

-A Iniciativa Lexislativa Popular contra os despexos foi apoiada por máis dun millón de sinaturas no conxunto do Estado. Estamos diante dun fito?

Dende logo. Hai que ter en conta que a burocratización arredor deste proceso de sinaturas é brutal. Existen moitos aspectos polos que poden invalidar unha folla enteira de sinaturas: unha maiúscula nun sitio inapropiado, a falta dun guión para separar os números da letra nos documentos de identidade... Isto dificultou moitísimo a recollida polo que, semellante cifra, a pesar da cantidade de anulacións, indica que o apoio cidadán inda foi maior. Doutra banda, hai que ter en conta as escasas capacidades loxísticas en cidades como Compostela. Con todo, esta foi unha mobilización cidadá masiva fronte unha problemática moi concreta. A xente decatouse de que a crise na que o sector financeiro involucrou o resto da sociedade carretou, alén do paro, a estafa da vivenda como un dos dramas máis sangrantes.

- Como afecta as vosas reivindicacións a fusión da ILP co anteproxecto de lei do Partido Popular?

Esta foi unha iniciativa de mínimos que procuraba o consenso. No entanto, con esta fusión, as nosas reivindicacións básicas foron tombadas. Dende o principio, rexeitaron que a dazón en pagamento fora con carácter retroactivo por un suposto motivo de inxustiza social. No entanto, tampouco consideraron a dazón en pagamento unha solución por manteren que, deste xeito, a xente ficaba sen casa. Isto por parte do PP é pura demagoxia, sendo que aí entra a nosa segunda petición: o parque de vivendas sociais, demanda obviada pol@s nos@s gobernantes. Finalmente, nós pedimos a moratoria en todos os procesos de desafiuzamentos, mais el@s fixaron só dous anos de moratoria o que, na actual situación económica con parad@s de longa duración non arranxa o problema; e, alén diso, só en casos de “especial risco”, sendo esta unha definición absolutamente xeralista e sen especificar. Aliás, os gastos de demora e mailos intereses bancarios fan acrecentar a débeda co tempo.

-O PP impediu que a iniciativa fora debatida no pleno. A que obedece tal estratexia?

O único que procura o Partido Popular é buscar tempo. Hai que ter en conta que a maioría de hipotecas deste país conteñen cláusulas abusivas, declaradas ilegais pola Unión Europea. É curioso que a Bruxelas só lle fan caso cando lles convén porque para as cuestións que afectan a cidadanía en positivo ignoran os seus ditames. Non teñen vontade de arranxar a situación porque iso suporía ir contra a banca. O goberno de Mariano Rajoy lexisla a base de titulares. De todos xeitos, na historia da suposta democracia na que vivimos ningunha ILP saiu adiante, polo que xa foi unha sorpresa que a admitisen a trámite.

-É casual que, inicialmente, o PP apoiara a súa tramitación?

Dende logo que non. Se tiramos da hemeroteca podemos constatar que eles, a principio deste ano, non tiñan intención de admitir a ILP a trámite. Chegados ao día da súa votación, admitiron a súa tramitación por dous aspectos chave: a enorme mobilización nas rúas e porque, esa mesma mañá, se coñecía o terríbel suicidio dunha parella que ía ser desafiuzada. Polo tanto, para non amosar a súa faciana de fascistas e retrógradas, nun día tan sensíbel, decidiron agardar dous meses para ver se as rúas ficaban máis tranquilas, se saían outras noticias ou se a selección española de fútbol gañaba outro partido. Como nada disto pasou e a xente cada vez está máis concienciada, volven ter a pataca quente outra vez nas súas mans e pasan a ILP ao Senado por ser esta unha cámara de xoguete.

-O escracho ao PP na Coruña finalizou con tod@s @s asistentes identificad@s aos 5 minutos de comezar a mobilización. Detectaron un aumento da represión?

Por suposto. Primeiramente, no propio discurso político que tenta criminalizar os movementos sociais, meténdoos no caixón de xastre do terrorismo e da ultraviolencia. Mesmo chegaron a dicer, dende a cúpula do Partido Popular, que STOP Desafiuzamentos tiña contactos con ETA. Logo, a represión practícase amedoñando a poboación, xa que non hai que esquecer que moitas das persoas que fan parte das mobilizacións contra os despexos son alleas ao mundo do sindicalismo e da loita social. As multas, as identificacións masivas, as cargas policiais e as detencións son parte desta estratexia do medo para a cidadanía non se organizar e ficar na casa. Detectamos, doutra banda, a vixilancia constante das nosas accións materializada no espionaxe de policía secreta e o seu seguimento. De feito, xa pillamos varios porque non son moi bos profesionais [ri].

-Dolores de Cospedal cualificou @s participantes dos escrachos de nazis e totalitarios. ¿Como valora tales definicións?

Isto demostra a baixeza intelectual e moral desta señora. Procuran o termo fácil apelando á estupidez e desmemoria da conxunto da cidadanía da que supoñen que esqueceu de que lado estivo cada quen en cada momento. Porén, a cidadanía sabe cales son as orixes dese partido [polo PP] e quen era o seu fundador. Pretenden darnos leccións de democracia unha xente que non é, nin foi, nin será nunca demócrata; alén da inmoralidade de botar man dunha traxedia tan sangrante coma o nazismo para faceren demagoxia.

-Para @s detractor@s dos escrachos estas medidas de presión son violentas, para @s defensor@s son o derradeiro chanzo antes da violencia.

Coa problemática da vivenda, observamos que unha situación de violencia sistémica está a xerar a absoluta precarización das vidas das familias. Aliás, cando nós aceptamos os trámites dun estado con moitas deficiencias democráticas, utilizando a canle da ILP, e el@s a collen e lle cuspen enriba, xa non existen máis mecanismos para mudar o contexto. Un escracho non é asustar o neno de Rajoy, senón é dicirlle ás persoas que impediron que a ILP fose tratada no Parlamento o que supón para esas familias ficaren na rúa. Non poden demostrar con ningunha imaxe que en ningún dos escrachos realizados en todo o estado español, e dende logo igualmente na Galiza, se utilizase a violencia como forma de protesta.