O persoal da Fábrica de Armas da Coruña envía a Feijóo as súas cartas de despedimento como forma de protesta

Aspecto dunha mobilización en defensa da Fábrica de Armas

Traballadores da factoría, que xa foi pechada, manteñen un peche nas instalacións malia ter que enfrontarse diariamente aos gardas de seguridade colocados pola empresa.   

 

A pesar de que xa non hai ningún labor dentro das instalacións da Fábrica de Armas da Coruña logo de que hai catro días a empresa General Dynamics -que se fixo coa factoría após o proceso de privatización que impulsou o goberno de Aznar- pechase definitivamente a súa actividade, o cadro de persoal mantén as mobilizacións para recuperar os seus postos de traballo e o funcionamento da instalación, asegurando que hai proxectos que poderían resultar viábeis para garantir o futuro.

Así, representantes dos traballadores acudiron á Correos para enviar un paquete coas súas cartas de despedimento ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que acusan de non amosar interese nin mediar de forma efectiva para impulsar un novo proxecto industrial na Fábrica, cuxas instalacións e terreos pertencen ao goberno central de Mariano Rajoy, que tamén se lavou as mans durante o conflito.

Outro dos actos de protesta por parte do persoal do centro industrial coruñés é manter o peche dentro da factoría, a pesar dos atrancos que pon a empresa e que están a xerar bastante tensión. O encerro faise en dúas quendas distintas de traballadores, e cada vez que uns intentan acceder ás instalacións teñen que superar a negativa dos gardas de seguridade, o que xa provocou enfrontamentos físicos que en ningún momento impediron que o persoal mantivese a súa acción no interior da propia fábrica.

Ademais, comezou en Madrid o xuízo que afronta os recursos presentados contra o peche por parte do Comité, CIG e CGT, e nos que se rexeitan os argumentos esgrimidos pola empresa para liquidar a actividade, ben como se critica a discriminación que se comete coa fábrica coruñesa respecto a outras do Estado.