“O Estado procura un novo inimigo político na Galiza para xustificar a aplicación de leis excepcionais”

Fernando Blanco

Galiza acolle esta fin de semana, sexta feira e sábado, a xornada anual da Coordinadora estatal para a prevención da Tortura. A violencia da que son obxecto as persoas presas, a debate. As sesións de traballo decorrerrán no Colexio de Avogados de Compostela. Sermos Galiza falou con Fernando Blanco, presidente de EsCULcA, un dos grupos galegos integrados na ‘Coordinadora’.

 

Como están afectando os recortes á situación penitenciaria?
Están influíndo até termos que non sospeitabamos. Os feitos máis recentes e escandalosos relaciónanse coa asistencia sanitaria. Dunha banda, destacamos a eliminación das gardas médicas localizadas nos centros penitenciarios a partir das tres da tarde. Pola outra, temos constatado que tratamentos novos de curación da hepatite, moito menos agresivos dos que os actuais, non se van pautar para @s enferm@s en prisión, cando a incidencia desta patoloxía nas prisións é moito máis elevada que entre a poboación en liberdade, polo que sería o sitio no que terían de seren subministrados con carácter preferente. Aliás, vimos constatando a diminución da cantidade e calidade das comidas, a restrición dos horarios de calefacción e de auga quente, por medio das noticias directas que nos chegan d@s pres@s.

Estes problemas estruturais agrávanse nos módulos de illamento e primeiro grado?
Por suposto. Nos módulos de illamento, como cadeas dentro das cadeas que son, @S pres@s pasan unha media de 20 horas diarias nas celas, logo, estas carencias son moito máis perceptíbeis. Ademais, nestes módulos a asistencia médica é moito máis difícil xa que na maioría dos casos, @s pres@s son examinad@s a través dunha porta interior enreixada, á que el@s chaman ‘cangrexo’, por motivos de seguridade.

Como valorades as investigacións e detencións contra presuntos membros de Resistencia Galega?
Temos unha fonda preocupación pola translación de conflitos inexistentes hoxe en día noutra parte do estado español, Euskadi fundamentalmente, á Galiza. Teñen de buscar un novo inimigo político armado ao que aplicar a lexislación excepcional para xustificar uns orzamentos policiais e de seguridade excesivos. Utilízase esta escusa para seguir sendo un estado de dereito de segunda categoría.

Neste senso, que papel xogan os medios de comunicación?
Os medios alentan a construción de fenómenos inexistentes, colaborando na creación dun novo inimigo que xustifique estas políticas de excepción, tales como a Lei Antiterrotista ou as comparecencias perante a Audiencia Nacional. Nun contexto de crise, estas políticas serven, alén do máis, para desviar a atención da cidadanía de asuntos coma os recortes. 

Atenta a dispersión carceraria conta o principio de reinserción d@s pres@s?
Dende logo. Malia que se mantén a idea de que o cárcere está para reinserir, a súa función real é a de xerir conflitos sociais e económicos por medio de solucións penais, dado que a maior parte da poboación penitenciaria responde a problemas que deberían ser manexados con medidas de tipo social e comunitario, por procederen maiormente das capas máis empobrecidas da sociedade. Por outro lado, a pesar de que non hai norma legal que  prohiba a dispersión, tal e como manteñen os seus defensores, existen unha infinidade de normas na lei penitenciaria que indican que @ pres@ debe de estar perto do seu medio social habitual. Isto nos permite concluír que a dispersión é ilegal. De feito, cos dados que temos sobre as prazas penitenciarias na Galiza e sobre as presas e presos galeg@s, tod@s poderían estar en cadeas da súa terra, polo que non é un problema de infraestrutura.  

Ser muller carrexa un plus de castigo e vulnerabilidade nas cadeas?
Si, abrumadoramente. Primeiro, porque no cárcere hai menos módulos para as mulleres e isto fai que inda sufran máis a dispersión. Amais, as actividades e o traballo produtivo programados para mulleres son moi limitados, polo que estar en prisión tórnase tedioso até o punto da patoloxía mental. Doutra banda, as restricións que sofren na comunicación c@s fill@s é moi superior estruturalmente á dos homes. Na Galiza, por exemplo, non existe ningunha unidade de nais. Finalmente, en casos de utilización da violencia física contra as persoas presas, ao seren mulleres, temos constancia de que esta vai unida a casos de violencia sexual e sexista.