Novagalicia Banco ordena a seguridade que bote @s estafad@s da oficina central en Compostela

[Imaxes: Zapa Dacosta]

A dirección da entidade non gostou de que @s manifestantes levasen chourizos e cacheiras até a entidade. Nunha xuntanza, a dirección recoñeceu que a arbitraxe non será para tod@s e que avanzará a ritmo moi lento. Hai afectad@s que souberon que tiñan preferentes após recibiren a notificación da quita 


A oficina central de Novagalicia Banco en Compostela mobilizou esta quinta feira os gardas de seguridade para botar da entidade @s estafad@s coas preferentes que protestaban, como todos os días, pola quita do 43% imposta sobre os seus aforros. 

As cacheiras e chourizos con que @s manifestantes se fixeron acompañar desta volta non gostaron á dirección da entidade e, malia desprazarse até o lugar un furgón de antidisturbios, ao non teren orde de actuar foron os axentes de seguridade de NGB os que procederon a lles quitar os cartaces, a pancarta, as cacheiras e os chourizos. O altercado quedou finalmente nun forcexeo cos gardas e a policía non chegou a intervir.

Segundo informa Jesús Domínguez, voceiro da plataforma ca capital galega, aproveitaron a protesta para manter unha reunión coa dirección. "Recoñeceron que non habería arbitraxe para todos, que seguirá a un ritmo moi lento e que as decisións se toman en altas instancias, no Frob e no Banco de España". Por tanto, Domínguez sinala directamente cara á complicidade do PP "que cos seus votos favorábeis aprobou a lei 9/2012". Foi esta a norma a que deu ao FROB atribucións para impor a quita.

Sinalou Domínguez que á plataforma están a chegar máis persoas afectadas que souberon do diñeiro investido nestes produtos tóxicos após recibiren unha carta que lles comunicaba a quita e un segundo desconto que se aplicará a maiores. Será do 20% nas perpetuas e do 18% anual naqueloutras que teñen data de vencemento, isto é, quen queira adiantar a liquidez perderá cada ano "a barbaridade" do 18% dos seus aforros. Perante este panorama, as plataformas de estafad@s pensan xa en retomar as protestas.