'Non queremos tolerancia, queremos xustiza'

Imaxe: Galiza Nova
28 de xuño, Día do Orgullo. Mobilizacións convocadas dentro e fóra do movemento LGBT fan visíbeis as súas loitas a prol duns dereitos que se conquiren "desde as barricadas e con conciencia de clase obreira". Alén do simbólico, en Compostela até 30 militantes de Galiza Nova foron identificad@s pola policía española en resposta a "intereses políticos". Foi nunha protesta perante a estatua de Bieito XVI

Cada 28 de xuño son moitas as persoas que se botan á rúa en todos os recunchos do país para se visibilizaren, sabendo que a conmemoración, o Día do Orgullo, é un recoñecemento a aquel@s que sementaron loitas inmortais. "Somos minorias, dinnos. Mais somos maioría, maioría cualificada", reivindica o manifesto da Rede Transfeminista Galega. Non piden tolerancia, pois entenden este termo "como un vicio burgués que significa unha posición desigual, onde se concede unha convivencia pautada".

O recoñecemento dos dereitos do movemento LGBT cómpre "por xustiza e por dignidade", máis aló das leis e conquistados desde as barricadas, desde a conciencia cos e coas precarias, pois "só nos interesesa a loita con conciencia de clase obreira". Declaradas "inmigrantes no heteropatriarcado, no capitalismo, na crise e na colonización española", desde dentro as persoas LGBT reclaman unha xustiza meirande que aquela que debera chegar desde "ese ente abstracto e insultantemente anónimo da figura do lexislador".

O Papa, 'orgulloso'
E Xustiza terán que reclamala tamén @s integrantes da organización xuvenil Galiza Nova após seren identificad@s pola policía española cando realizaban un acto simbólico ao pé da estatua do papa Bieito XVI en Compostela. Desde a secretaría xeral, Iria Aboi condenou a actuación, que atribuíu "a intereses políticos", e responsabilizou o PP das situacións de homofobia e discriminación que seguen vixentes cara a determinadas persoas, nomeadamente as LGBT, "por amparar todo tipo de discursos ofensivos que a diario se cospen dende os medios de comunicación, así como de promover políticas que perpetúan as desigualdades". 

Así as cousas, Galiza Nova escolleu o líder da Igrexa católica como albo dos seus berros, e partillou coa prensa unha escolma de intervencións de varios relixiosos que ficarán na lembranza pola súa carga racista.

Se a muller aborta, o home pode abusar dela, dixo Javier Martínez, bispo de Granada; Hai adolescentes de 13 anos que son menores e están perfectamente de acordo e, ademais, desexándoo. Incluso se te descoidas provócante, dixo outro bispo, o de Tenerife, Bernardo Álvarez; O furacán Katrina foi una retribución divina pola tolerancia de Nova Orleáns coa homosexualidade, dixo máis un bispo, Gerhard Wagner, de Liz, en Austria. "Mentres os abusos da Igrexa católica seguen impunes, perséguese a xente que os denunciamos", espetou Aboi. Por certo que o resultado 'estético' do acto reivindicativo pode verse na imaxe que acompaña esta información, coa orgullosa estatua de Bieito XVI.