''Non cha metería nin cun pau aínda que foses a última muller do mundo''

[Imaxes: Comités]

Comentarios coma este son os que profire o director da residencia estudantil universitaria pública Cadarso ás alumnas que viven neste colexio maior. A USC, de quen depende, non os censurou. Aliás, o estudantado exixe a súa demisión polo "control autoritario" que exerce. Reclaman, aliás, que cese a "privatización" do centro, onde o 26,5% das habitacións están reservadas "a congresistas"


Un 26,5% das habitacións da residencia estudantil reservadas para congresistas; espreitas detrás das portas no cuarto d@s alumn@s; actitudes e comentarios machistas como os que intitulan esta información e a conivencia da reitoría da USC.

É o panorama ao que se están a enfrontar @s residentes do colexio maior Rodríguez Cadarso, unha das residencias universitarias públicas que fan parte desta institución e que volveu funcionar no curso 2011-2012 após unha reforma das instalacións iniciada en 2009. Nun inicio durarían nove meses, mais prolongáronse durante dous anos. 

Que pasou naquela reforma?

Tal e como denuncian @s residentes nun comunicado que recolle a organización estudantíl Comités na súa páxina web, a "inmensa maioría" das zonas comúns de estudo foron suprimidas, reducíronse as prazas de 122 a 40 para el@s e resérvanse outras 20 para congresistas, con televisión de pantalla plana, toallas, xabrón e outros servizos "máis propios dun hotel que a unha residencia de estudantes". 

Desde entón, @s residentes intentan manter unha xuntanza co vicerreitor do estudantado na USC, Francisco Ramón Durán, e tamén coa dirección do colexio maior Cadarso. Se non o conseguiron antes de febreiro, cando a relación con este último organismo era "excelente", o éxito das súas reivindicacións foi aínda menor a partir de febreiro de 2012, cando outra persoa, Iván Arias, pasou a asumir a dirección da residencia Cadarso. "Comezaron os problemas: intransixencia, control dos nosos movementos, comentarios machistas, falta de diálogo e intromisión" nas vidas privadas d@s estudantes. 

Perante a súa teimosía, o vicerreitor Durán reuniuse finalmente co estudantado na sexta feira, 24 de maio. Reclaman a demisión de Arias da residencia e Durán argumentou non ter potestade para cesar ningún cargo, polo que a reclamación agora é unha xuntanza co reitor, Juan Casares Long. Con todo, a "indignación" que manifestan desde o consello do colexio maior (pois non puideron asistir tod@s @s alumn@s) vai máis aló. 

"Converter o colexio nun hotel"

Segundo un comunicado que reproducen tamén os Comités na súa web, o vicerreitor de estudantes cuestionou se entendían "o que é a privatización", pois denuncian que esta é a práctica que se está a producir ao reservar o 26,5% das habitacións da residencia para congresistas, cobrándoas "a un prezo moi superior do que pagamos nós, convertendo desta maneira o colexio nun hotel". 

Porén, hai máis. Denuncian @s asistentes á xuntanza co reitor que este "non censurou en ningún caso" a actitude machista e misóxina manifestada en reiteradas ocasións por Iván Arias, proferindo ás alumnas que nela conviven comentarios como "non lla metería nin cun pau así fora a única muller do mundo" ou "as mulleres como mellor están é espidas". Alén disto, Durán non dixo tampouco nada a respeito do que para @s estudantes é "unha intromisión na vida privada", espreitando detrás das portas. 

Por derradeiro, pedíronlles que retirasen da residencia as faixas colocadas denunciando esta problemática alegando que "dá mala imaxe nun momento en que o alumnado solicita praza para o vindeiro curso". O estudantado xa lle transladou que non cerderá perante o que consideran unha acción de "censura" e anunciaron que non van frear as mobilizacións até que Arias deixe de dirixir o centro.