Sánchez Izquierdo: "A CRTVG non vai solventar a problemática da muller galega"

O director xeral do ente público compareceu no Parlamento galego esta terza feira. Na comisión de control respondeu unha pregunta do PSdG en relación ao "compromiso coa igualdade de xénero" na compañía 


-Marcos, Marcos, Marcos... é horríbel estar sempre pendente de Marcos!
-Sexa como sexa, é o teu home
-E eu que? Non teño dereito a estar a gusto con quen sexa e onde sexa?
-Xa falamos disto. É o teu home. E é peculiar mais, polo teu ben, tes que tratar de non facer nada que o incomode

 

Este é un fragmento da conversa que dúas mulleres, Laura e María, manteñen no capítulo 317 da serie Libro de Familia, o último que se emitiu, correspondente a este domingo, 28 de abril. Ambientada en 1960, a serie está producida por El Correo Gallego



Por que o colocamos aquí? Porque foi esta a serie que o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, colocou como exemplo do que el considera unha programación "que destaca o papel da muller na sociedade" (A imaxe colocada á dereita corresponde a esta serie) 

Tal e como el propio recoñeceu, a intervención que levaba preparada era a referida á programación que a televisión e a radio públicas emitiron cadrando co 8 de Marzo, o Día internacional das mulleres. Porén, a deputada encargada de lle formular a pregunta, Carme Acuña (PSdG) quiso saber máis e cuestionou o papel da CRTVG á hora de educar na igualdade de xénero e "ao conxunto da sociedade".

Pedíu a Sánchez Izquierdo que transladase o "compromiso" do ente público que el dirixe con esta cuestión, así como que sinalase as eivas detectadas no pasado "e as medidas propostas para as corrixir nesta lexislatura".

Sobre esta última cuestión, o director da CRTVG non dixo ren. Limitouse a defender as iniciativas "superinteresantes" que entraron na programación do 8 de Marzo (e que levaba detalladas en catro folios, segundo dixo).

De seguido, botou balóns fóra restando impotancia aos roles que se transladan desde a televisión e a radio da Galiza espetando que "o sistema público de comunicación non vai solventar a problemática da muller galega". Unha irónica Acuña deulle a razón, recordándolle "o papel chave" que os medios teñen na imaxe que se difunde das mulleres, e sinalou que as entrevistadas desde día foron a presidenta do Parlamento galego (PP), unha senadora (do PP) ou a gandeira máis premiada de todo o territorio lucense (polo PP).

Na CRTVG infórmase "de todo o que ten a ver coa violencia, sexa doméstica ou de xénero ou como lle queira chamar"

"Non estamos tampouco en condicións de decidir significativamente na focaxe do día da muller", considerou Sánchez Izquierdo cando a deputada do grupo parlamentar do PSdG lle reprochou que preocuparse pola equidade de xénero un día ao ano (8 de Marzo) contribúe á "banalización" destas conmemoracións.

O director xeral, moi descolocado polas preguntas achegadas a respecto do compromiso coa equidade, puxo e quitou os lentes unha e outra vez namentres repetía que na CRTVG "hai máis mulleres directivas que traballadoras". 

"As mulleres tamén somos machistas e moi permeábeis porque nos machacan moito", apuntou Carme Acuña, colocando como exemplo a mandataria alemá Angela Merkel: "a igualdade de xénero é unha materia pendente tal e como esperaba nunha televisión que xa se coñece como TeleFeijóo ou TelePP" continuou recriminando a socialista durante a súa quenda de palabra.

Pola súa banda, Sánchez Izquierdo sinalou que na programación "fuximos" de "determinados espazos" que si se emiten nas canles privadas "malia penalizarmos a nosa audiencia, pois teñen moito éxito". Acrecentou a súa preocupación polo terrorismo machista sinalando que na CRTVG se informa "de todo o que ten a ver coa violencia, sexa doméstica ou de xénero ou como lle queira chamar" e que se respecta "a recomendación de colocar na pantalla o teléfono para as afectadas".

A defensa da lingua nos debuxos animados

A comisión de control á CRTVG iniciouna o deputado do PPdG Agustín Baamonde, preguntando a Sánchez Izquierdo polo fomendo da lingua galega a través dos debuxos animados e a programación dirixida ás crianzas. O director da CRTVG dixo que hai dez horas ao día de programación no noso idioma na televisión pública, iso si, na segunda canle (G2). Baamonde non replicou nada: palmada nas costas e que sigan a traballar así.