“Ninguén entende a presenza de antidisturbios nunha recepción de deportistas”

Entrevista a Rafael Estévez, xornalista agredido pola policía e detido na recepción d@s deportistas olímpic@s na súa chegada ao aeroporto de Peinador.

Rafa Estévez é unha das pezas da engrenaxe da información. É fotógrafo e o seu traballo fai que, a diario, pontevedreses e pontevedresas estean informad@s. Mais nos últimos días foi el a noticia, e isto pasa moi poucas veces.

A recepción d@s olímpic@s galeg@s saldouse coa súa detención no medio dunha desorde organizativa. As versións difiren. A policía, malia non presentar informes médicos, asegura que o seu axente tivo que ser intervido despois dunha cabezada do fotógrafo, e o Diario de Pontevedra, medio para o que traballa Estévez, fala dun asoballamento sen motivos.

Na mañá deste martes celebrouse un xuízo rápido no xulgado de Vigo, sen que as partes chegasen a acordo. Agora, o fotógrafo enfróntase a unha pena de un a tres anos de cárcere.

O diario segue publicando editoriais exixindo explicacións ao Subdelegado do goberno en Pontevedra, Antonio Coello, e máis que admita o erro do axente policial, pois Coello estaba presente cando se produciu a redución e detención do fotógrafo.

As versións dos feitos non coinciden, cal damos por real?
Eu só teño unha versión, e os xornalistas que alí había, que eran moitos, tamén. Ao redor da porta pola que ían saír os deportistas había unha cinta para que os gráficos non pasaramos, mais nun momento a cinta rachou e moitos pasaron. Os medios eran moitos, e a desorde, como adoita pasar nestes casos era total. Cada un quere a súa foto e procura que sexa a mellor. Cando saíu David Cal, moitos comezamos a camiñar cara á atrás diante del. Nese momento eu ía mirando só a través do visor da cámara. Foi cando veu un policía a apartarnos, e moitos de nós protestamos para que nos deixase traballar. O axente comezou a facerme unha marcaxe e non saía do meu lado. Eu trataba de manter a posición entre ducias de fotógrafos, con constantes empurróns entre nós pois todos camiñabamos cara á atrás. Despois de recibir varios empurróns do antidisturbios que ficaba no medio e medio de nós eu protesteille unha outra vez para que nos deixase facer o traballo, pois xa bastantes empuxóns nos dabamos nós.

Logo, o que di a policía, é falso?
Todo foi cuestión de segundos. Foi nese momento cando viñeron catro policías máis. Eu cheguei a pensar que viñan a separar o seu compañeiro, pois era evidente que molestaba. Colléronme a cámara polas costas e guindárona no chan e o obxectivo rachou en dous. O meu cabreo xa non se podía disimular, pois os equipos que empregamos custan máis do que cobramos en meses. Entón tiráronme ao chan, puxéronme o xeonllo encima... e o resto xa está nas fotos que se publicaron.

Moitos dos compañeiros que estaban alí destacan a mala organización.
A desorganización era total. Até o estabamos comentando entre nós ao chegar, antes de que pasase nada. Eu tiven a ocasión de cubrir a chegada d@s deportistas nas últimas olimpíadas, e non tivo nada a ver. Desta volta déuselle prioridade a azafatas e patrocinadores antes que á prensa. Parte da responsabilidade é de quen o organizou, que non sabemos aínda se foi unha empresa ou o aeroporto. Ninguén entende a presenza dos antidisturbios nunha recepción que debería ser un acto festivo.

Que che pasaba pola cabeza cando estabas alí tirado e te esposaban?
Eu non fun consciente de todo isto até o venres, que comecei de novo a traballar. Eu só pensaba no meu equipo. A miña cámara estaba rota e eu non podía seguir a fotografar.

Na rede, moitos comentarios falan de corporativismo, pois cousas así pasan a diario e non saen nos medios. Desta vez, ao ser un xornalista, ocupa moitas páxinas. Sentiches apoio dos colegas de profesión?
Si, máis non de todos na mesma medida. No meu xornal o apoio foi absoluto de todos os compañeiros e da dirección. Organizouse unha concentración diante do xulgado, moitos quixeron facer TT a etiqueta que crearon para o twitter... Mais seica nalgún medio vigués censuraron a viñeta de Davila que xa corre polas redes sociais, supoño que se fose un fotógrafo dos seus lle dedicarían máis espazo.

Os fotógrafos, a diario tedes que estar cos políticos, e eles coñécenvos ben, pois desa relación, ás veces, depende que saian mellor ou peor na foto. No entanto, o subdelegado do goberno segue sen recuar...
A verdade é que eu a Antonio Coello nin o vin. Eu estaba moi centrado na foto que tiña que facer a David Cal e ao resto de deportistas. De seguro que el tivo que ver o que pasou, pois vírono todos. O subdelegado anda desaparecido, e nin colle o teléfono. Rexeita as chamadas que se lle fan desde o diario.

Veste no cárcere?
Xa me chegou estar no calabozo desde as 17:00 ás 23:00... Nin o penso. Sinceramente agardo que non. En todo caso que vaia o que me rompeu a cámara!