''Namentres eles non recúen nós non imos calar''

Nace a Coordinadora galega de ANPAs do rural, que o 12 de setembro unirá folgos coa Plataforma pola defensa da montaña e coa Plataforma galega en defensa do ensino público. Percorrerán xuntas o camiño que separa a praza do Obradoiro de San Caetano para visibilizaren o seu rexeitamento ás políticas de Feijóo e ao desmantelamento das escolas do rural, cadrando co inicio das aulas en infantil e primaria

O presidente --en funcións-- do goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, colocou as notas da banda sonora do seu goberno sobre o pentagrama dos recortes. En defensa dos servizos sociais e contra a eliminación dos nosos dereitos, ao longo destes tres anos foron xurdindo iniciativas que procuran un rexeitamento conxunto ás políticas da Xunta.

Se nos centramos no eido do ensino público, nel floreceron desde pequenos colectivos nas bisbarras até plataformas e coordinadoras que se moven a nivel nacional para protestaren contra a supresión de 2.500 docentes na lexislatura, contra o peche de 132 unidades na pública entrementres se crearon 16 novas na privada, contra o desmantelamento do programa Preescolar na casa, contra a redución da presencia da nosa lingua nas aulas até deixala nun mísero 20% e, en definitiva, contra un executivo que lle foi chuchando á educación os dous cualificativos que fan dela un dereito fundamental: pública e gratuíta.

Liquida Preescolar na casa para 'aforrar' un millón, entrega tres millóns á segregación por xénero
Así as cousas, constituíronse dúas plataformas en defensa do ensino público. Dunha fan parte CC.OO., UGT, Confapa, CSI-F, Iesga, Sindicato de estudantes e Escola viva. E da outra, a que se apelida 'galega', fan parte CIG, AS-PG, Galiza nova, Comités, Liga estudantil, BNG e as ANPAS de Lugo, Compostela e Ferrolterra. O paro convocado o 10 de maio levou ás rúas máis de 10 mil persoas en todo o país, e máis de 3 mil secundaron as accións desenvolvidas pola Plataforma galega contra o RD 12/2012. Entre outras, houbo concentracións e unha cadea de peches rotatorios nos centros de ensino.

Preescolar na casa tamén ten unha plataforma para defendelo, aínda que a Xunta preferiu liquidalo e non permitir o debate no Parlamento da ILP presentada --avalada por 26 mil sinaturas, aínda que para presentala cumprían só 15 mil--; todo isto a pesar de que, segundo os cálculos de PnaC, podería tirar para adiante de recibir unha subvención de 700 mil euros anuais, e funcionar con normalidade se axuda ascendese até un millón.

A Xunta dixo que este programa baseado na educación familiar e centrado no rural non era necesario e, máis unha vez, engadiu que non había cartos para o soster. Posteriormente entregou non un, senón tres millóns de euros a cinco centros que segregan o alumnado por razón de xénero.

Contra o peche das escolas do rural e da montaña


Se o rural é o grande esquecido da actividade do goberno, tamén é o máis ferido polas agresións ao ensino público. Para lembrar que estas crianzas existen tamén e que non son números naceu a a plataforma Pola defensa da montaña --familias dos CEIP de Cervantes, Samos, O Incio, Navia de Suarna, Doiras, Becerreá e As Nogais--, que iniciou unha peregrinaxe para protestar pola eliminación de unidades escolares e de prazas de docentes que a Xunta de Galiza anunciou nestes centros a partir de setembro. Percorreron a pé o camiño francés até Santiago, e fixérono por etapas. A primeira arrincou o 14 de xullo, e a última, que une o Monte do Gozo coa praza do Obradoiro, concluirá este 12 de setembro, cadrando co inicio das aulas na primaria.

No Obradoiro serán recibidos pola Plataforma galega e polo último colectivo en se constituír para defender o ensino público no país e, nomeadamente, no rural lucense e ourensán: a Coordinadora galega de ANPAs do rural. A día de hoxe fan parte dela asociacións de nais e pais dos concellos de Samos, Cervantes, O Incio, Doiras, Portomarín, Sober, Navia de Suarna, Becerreá, As Nogais, Castrelo de Miño, Carballeda de Avia, Cortegada, Cenlle, Ribadavia, Rubiá, Vilamartín de Valdeorras e Coles.

17 de setembro, máis unha mobilización
Desde o Obradoiro, os tres colectivos camiñarán xuntos até os edificios administrativos de San Caetano, onde deixarán clara a súa postura: "mentres a Xunta non recúe non deixarán de manifestar o seu desacordo perante esta agresión a un dereito fundamental dos seus fillos", para quen exixen "o acceso a unha educación digna, de calidade e con garantías de continuidade no tempo". As crianzas non irán á escola ese día, e probabelmente non o fagan tampouco en toda a semana. O obxectivo é "sumarmos forzas" para pórlle a cambadela a Feijóo e ao titular de Educación, Jesús Vázquez, nunha andaina que conducirá ao peche dos colexios do rural, afondando no despoboamento.

Pola súa banda, a Plataforma galega ten xa outra acción fixada no calendario. Após participar este sábado día 8 na mobilización convocada pola Plataforma en defensa dos servizos públicos --CIG, CC.OO., UGT e CSI-F-- e de anunciar a súa presencia na concentración do día 12 ás portas da Xunta, o 17 de setembro volverán a San Caetano con motivo do inicio das aulas en secundaria.