'Nais do Mundo': cando o teléfono móbil axuda na atención sanitaria a inmigrantes grávidas

[Imaxe: Médicos do Mundo]
A ferramenta vén de presentala a organización non gobernamental Mestura perante as trabas culturais e lingüísticas que dificultaban a relación médic@-paciente


Un aplicativo deseñado para mellorar a atención sanitaria que se lles presta a mulleres inmigrantes grávidas ou con crianzas de curta idade. É o que veñen de por en marcha desde a organización non gobernamental Mestura, fincada na Coruña, no marco do programa Ne-nei-ras, iniciado en 2010 e que culmina agora con esta iniciativa.

Segundo contou Liliana Rodríguez, coordinadora do proxecto, do que se trata é "de evitar as confusións que xorden ao redor das diferencias entre as culturas e tamén de botar embaixo as barreiras lingüísticas". Nunha primeira fase, o aplicativo, bautizado como Nais do Mundo e pensado para Iphone e tablets, vai dirixido a inmigrantes marroquís. A maioría destas mulleres chegan á Galiza procedentes de zonas rurais e só falan e entenden o marroquí, "unha forma dialectal do árabe" que non ten forma escrita.

As preguntas máis frecuentes, en lingua marroquí

Así as cousas, o aplicativo inclúe como opcións as preguntas máis frecuentes para realizar un historial médico dunha muller grávida. Ao premer sobre cada escolla a voz en off dunha mediadora marroquí que fai parte de Mestura traduce para esta lingua, facilitando a comunicación entre médic@ e paciente. "As mulleres escoitan o que lles di o pediatra, mais moitas veces non entenden", explicou Liliana Rodríguez, exemplificando coas recomendacións que ir incorporando alimentos de maneira paulatina á dieta das crianzas.

"Asinten sinalando que así o farán, mais despois dan ao bebé comida dun adulto marroquí, moi condimentada, por exemplo", acrecentou, subliñando que tamén xorden dificultades á hora de seguir un tratamento, debidas á barreira idiomática. O programa Ne-nei-ras conta con tres fases diferenciadas (Ne: nais empregadas, sobre orientación laboral; Nei: nais encamiñadas e informadas; e Ras: recorrendo a saúde)

Na segunda delas, Mestura realizou un acompañamento de mulleres grávidas a matronas, constatando as trabas que supuñan no eido sanitario o descoñecemento da cultura marroquí e da súa lingua por parte do persoal sanitario. De feito, o aplicativo Nais do Mundo "é unha demanda dos propios médicos" e, alén das frases en dialecto marroquí, inclúe tamén un glosario con vocabulario.

Unha ferramenta pensada para levar 

"Non todas falan árabe ou entenden o árabe", apuntou Liliana Rodríguez respecto da posibilidade de editar guías traducidas a esta lingua. Contou que en 2010 e co gallo do mesmo proxecto, a organización lanzou o vídeo 'Que che dixo a doutora?', onde se explicaba o seguimento do embarazo e os primeiros coidados na etapa infantil.

"Úsase nas consultas cando hai un conflito moi grande co idioma, mais non dispoñen del, por exemplo, nos hospitais" para facilitar a atención post-parto. "A idea era ter unha ferramenta que se puidera levar a todas partes" e que mellorase a atención e reducise os tempos nun momento en que os recortes se ceban co sistema sanitario público. "Se médico e paciente se entenden a consulta será mellor e máis rápida", sostén Liliana Rodríguez. Xustamente con esta idea naceu Nais do Mundo, que nun futuro se desenvolverá tamén para mulleres da China ou da África subsahariana.