'Na miña cona non se recorta': máis unha protesta contra o desmantelamento dun COF na Coruña

[Imaxes: @Carmela15MA e @rizlinha]
Máis unha protesta para exixir ao Sergas que non amortice a única praza de xinecoloxía que hai neste centro de orientación familias. De facelo, dúas xinecólog@s terán que atender as 152.000 mulleres en idade fértil que integran a comarca sanitaria


Máis unha mobilización, desta volta diante do centro de orientación familiar de Beiramar, volveu reclamar na Coruña que o Sergas non amortice a única praza de xinecoloxía do outro COF, o do Ventorrillo, e, canda ela, os dereitos sexuais e reproducivos de 152.000 mulleres en idade fértil, das súas parellas e dos homes con patoloxías sexuais.

En resposta parlamentar ao BNG, a consellaría de Sanidade recoñeceu "axustes organizativos" e desbotou a posibilidade de manter en funcionamento o servizo de xinecoloxía no Ventorrillo, onde mulleres de 32 concellos procuraban asistencia sanitaria, prevención do cancro de mama ou interrupción voluntaria do embarazo.

Na miña cona non se recorta, O PP prexudica seriamente a saúde das mulleres ou Próxima cita... 2030? eran algunhas das queixas que se podían ler nos cartaces que levaban as manifestantes, na súa meirande parte mulleres. Após transladar o COF de local en varias ocasións, coa conseguinte "desorientación" que o cambio de ubicación provocaba nas usuarias, o cadro de persoal ten agora dúbidas sobre se este espazo manterá abertas as súas portas, ao non contar xa cunha das patas da equipa multidisciplinar que o integraba: unha enfermeira, unha psicóloga, unha traballadora social especialista en planificación familiar, unha auxiliar de clínica e un xinecólogo.

Dereitos sexuais ou dispensario de anticonceptivos?

Segundo as recomendacións da Organización mundial da saúde, tomando en conta a poboación e que nestes centros se derivan mulleres de concellos fincados no rural e na contorna da Coruña, a cidade debera contar con polo menos tres COF. Ten dous, e o cadro de persoal de ambos dubida da continuidade do de Ventorrillo. Ambos centros son os puntos de referencia en materia de anticonceptivos, problemática afectivo-sexual, conflitos de parella, a IVE e incluso á hora de procurar axuda perante unha situación de violencia machista.

Así as cousas, aquelas mulleres grávidas que non queren ser nais son derivadas en primeira instancia até estes COF para que lles faciliten a información que contempla a LO 2/2010 e a onde teñen que voltar aos tres días, periodo 'de reflexión' obrigatoria que contempla a normativa vixente; son est@s profesionais as que redactan o informe que chegará ao Sergas para que á embarazada se lle practique o aborto solicitado.

No COF do Ventorrillo fanse tamén citoloxías --evitando que problemáticas puntuais deriven en patoloxías maiores e requiran de atención primaria-- e colócanse métodos anticonceptivos, practicando as correspondentes revisións ao redor de efectos secundarios ou complicacións que poidan xurdir após a súa colocación.

Coa situación actual había xa unha lista de agarda de entre tres meses e un ano, agás na primeira consulta --informativa-- ou perante a recomendación dun anticonceptivo cuxo uso non require revisión xinecolóxica. O COF do Ventorrillo, sen xinecólog@, de non pechar ficaría relegado a un dispensario de anticonceptivos.