'Gatocan' acusa o concelleiro de Turismo de Sada de roubo

Roteiro organizado por Gatocan
A denuncia, segundo informa a asociación, realizouse diante das autoridades e nun portal web. A protectora convocou unha manifestación para o día 22 de setembro ás 11:30 horas diante do concello.

A asociación protectora de animais 'Gatocan' de Sada denunciou hai uns días o roubo do seu material e acusa de xeito directo a José Ángel Sánchez López, concelleiro de Turismo e Promoción Económica, de "obstaculizar o seu traballo" sen saber os motivos. A asociación leva desde 2006 traballando na defensa e protección dos animais, está declarada entidade de utilidade pública e conta con 542 soci@s e 60 voluntari@s. "Levamos un tempo aturando unha presión anormal: vixilantes municipais séguennos e fotografan, a policía achégasenos coas luces prioritarias postas como se fósemos delincuentes, denegáronnos os permisos para celebrar o mercado benéfico alegando motivos absurdos, e todo isto cun comportamento totalmente prepotente e despectivo", sinalan no seu blog.

En 'Gatocan' aseguran que existe unha fonda preocupación "polo futuro dos animais"

Beatriz Martín, presidenta de 'Gatocan', conta que as presións por parte do concello veñen de lonxe, desde que mudou o goberno local. "Hai uns meses eu propia fun perseguida e denunciada cando alimentaba unha colonia abandonada nunha finca privada, tiven que presentar recurso e déronme a razón. Despois comezaron a nos denegar permisos, a levarnos material do local sen aviso e agora co secuestro do noso material". O concello chegou a lles dicir que o mercado benéfico era unha "competencia desleal" para os comerciantes de Sada. A situación empeorou cando, despois de recibiren o permiso municipal para realizar o mercado benéfico, chegaron ao local que empregaban e non podían acceder a él. "Chamei o concelleiro de Turismo e Promoción Económica e díxome que non sabía que nós tiñamos un local en cesión desde hai anos", asegura Beatriz Martín.

Carta na rede
'Gatocan' financia as súas actividades organizando desde a súa fundación un mercado benéfico onde venden libros e outros elementos froito da doazón desinteresada da xente. Segundo a asociación protectora o concelleiro do Partido Demócrata Sada Popular "mandou cambiar sen previo aviso a pechadura do local municipal que tiñamos en cesión polo que as nosas cousas quedaron secuestradas". Diante desta situación enviaron unha carta a través do portal Change.org que comeza cun contundente "devolve o que roubaches a Gatocan".
En 'Gatocan' aseguran que existe unha fonda preocupación "polo futuro dos animais" aínda que contan, polo de agora, coa fonte de financiamento de socias e socios para seguiren adiante na súa actividade de voluntariado. "Quero pensar que non é pola colaboración que mantivemos co anterior equipo de goberno, mesmo non quere recibirnos nin o alcalde, por este motivo convocamos a manifestación", asegura a presidenta de 'Gatocan'.