"Fonda indignación" perante a idea do PP de regalar o permiso de residencia a "inmigrantes ricos"

O Foro galego de inmigración arremete contra o Goberno español após o anuncio de 'premiar' coa regularización as persoas estranxeiras que merquen unha vivenda por valor superior a 160 mil euros. Lembran que na Galiza viven ao redor de 10 mil inmigrantes en risco de exclusión social e suxeit@s á criminalización para @s cales a dereita non procura "alternativas de vida digna"

 

"Fonda indignación". Foi o que provocou entre o colectivo inmigrante da Galiza a idea do goberno español de lle conceder o permiso de residencia a todas as persoas estranxeiras que merquen unha vivenda por importe superior a 160 mil euros. O Foro galego de inmigración considera que o plan do executivo central pasa por unha modificación da Lei de Estranxeiría "para permitir agora a entrada libre de inmigrantes ricos", entrementres as ao redor de 10 mil persoas en situación administrativa irregular que viven no país fican en risco de exclusión social, privadas de dereitos fundamentais e suxeitas á criminalización.

Así as cousas, o voceiro do Foro, Miguel Fernández, recorda que a poboación inmigrante da Galiza se atopa arestora sometida a un incremento "notábel" da persecución policial nos últimos meses, traducíndose aquela na detención e o incoamento de procedementos de expulsión a quen comete unha falta administrativa. Aliás, a lei vixente non permite a regularización até que a persoa leva tres anos residindo no territorio.

Porén, no canto de "procurar alternativas de vida dignas" para estas persoas, o executivo de Mariano Rajoy prefire agasallar co permiso de residencia "a inmigrantes ricos", cunha modificación nunha Lei de estranxeiría que o propio PP contribuíu a facer "máis dura" e a "perfeccionar os mecanismos de persecución".

O Foro galego de inmigración leva tempo reclamando unha modificación da Lei de Estranxeiría na liña de "humanizar as condicións de vida" das persoas inmigrantes, proposta que atopou "sempre" cunha "constante negativa" por parte do PP. Co cambio que agora anuncia a formación conservadora sería "intolerábel" ao entender de Miguel Fernández, quen alerta da situación "habitual" de explotación "laboral e sexual" das persoas inmigrantes, nomeadamente das mulleres, actividades que o Foro considera "a base" de moitas fortunas.