"Estaremos aquí até que o corpo aguante"

Concentración estafad@s polas preferentes diante do Parlamento

Afectad@s pola fraude das preferentes inician novas accións e aseguran que non pararán até que lles devolvan os seus aforros. 

 

Após o rescate con fondos públicos da entidade financeira galega e de se faceren públicas as condicións ás que se someterá NCG recollidas no plan de re-estruturación ditaminado desde Bruxelas, persoas afectadas pola fraude das participacións preferentes inician unha nova campaña para exixiren a devolución do diñeiro defraudado. As accións súmanse ás mobilizacións convocadas perante o Parlamento galego co gallo da constitución da Cámara. 

Acampar fronte a unha oficina de NGB ou encerrárense nun caixiero da entidade financeira son algunhas das accións iniciadas pol@s afectad@s pola fraude das preferentes e subordinadas que continúan a denunciar o "roubo" dos seus aforros.

A veciña de Gondomar que ocupou un caixeiro da entidade como protesta asegura que o fai "por desesperación" porque "así non se pode vivir"

A muller que decidiu fecharse de maneira indefinida nun caixeiro en Gondomar asegura que o fixo "por desesperación", porén non é a única que dicidiu iniciar en solitario accións de protesta, dúas persoas máis inician unha "acampada" fronte a oficina que a entidade financeira galega ten en Cangas, entre elas, un home de 63 anos que malia solicitar o procedemento de arbitraxe en maio deste mesmo ano, asegura non ter recibido resposta.

En ambos os dous casos apelan á "desesperación" como principal motivación da súa reivindicación após facerse publico que a UE imporá obrigatoriamente unha quita ás persoas afectadas por esta fraude, unha perda que podería supor o 70% dos seus aforros. Aliás, e malia que durante a campaña electoral o Partido Popular prometera solucións para as persoas estafadas, despois dos comicios e da vitoria electoral de Alberto Núñez Feijóo, a Xunta de Galiza paralizou o procedemento de arbitraxe --unha medida que fora duramente criticada polas Plataformas de afectad@s. Neste senso, a Plataforma de Lugo anunciou xa a convocatoria dunha manifestación na cidade para o día 15 de decembro 

As persoas acampadas aseguran que non marcharán até "chegue unha sentenza xudicial" que lles obrigue a irse, porén advirten "xa veremos o que facemos despois".