''Esta crise inimiga da vida ten que ser a oportunidade para repensarmos outros discursos''

Detalle do cartaz das xornadas
Os colectivos Fiadeiras, Rede feminista, Verdegaia, Sindicato Labrego e Feminismos Compostela veñen de organizar unhas xornadas ao redor dos ecofeminismos e baixo o lema '(Re)pensando a vida'. Falamos cunha das organizadoras


No mesmo libro en que defende que O natural é político, Teresa Moure define feminismo e ecoloxismo como "dúas manifestacións dun mesmo movemento": a rebeldía en contra de toda lóxica de dominio. Tal movemento chamaríase, xa que logo, ecofeminismo e ao redor del integrantes das organizacións Rede feminista galega, Fiadeiras, Feminismos Compostela, Verdegaia e o Sindicato Labrego argallaron para esta fin de semana unhas xornadas en que partillarán coñecementos. O éxito da convocatoria foi tal que nin el@s o contaban, e as 50 prazas de que dispuñan axiña se cubriron. Falamos cunha das organizadoras, Rosalía Balboa.

Pregunta: (Re)pensando a vida. Foi o lema que escollestes. Cómpre ver isto que chaman crise como unha oportunidade?

Resposta: Por suposto! A lóxica que nos levou a esta crise, inimiga da vida, ten que ser a oportunidade para repensarmos outros discursos. E nesa oportunidade cómpre aproveitar as experiencias das mulleres, pois a división sexual do traballo, que as leva a empregar moito tempo en tarefas que preservan a vida, outorgóulles coñecementos privilexiados sobre a natureza e a contorna.

P: Feminismos, ecoloxismos, labreg@s... vénseme á cabeza a loita pola soberanía alimentar. Até que punto é importante esta conquista, por exemplo, nun País eminentemente rural como o noso?

R: É fundamental, para o pobo galego e para calquera pobo do Mundo. Porque tal soberanía implica sosteñibilidade, abastecérmonos a nós propios, mantermos o control sobre o que producimos e arrebatarlle ese poder ás multinacionais.

P: No programa figura un obradoiro sobre mascunidades. Deconstruír esas manifestacións do poder é tamén parte da loita feminista?

R: Hai un debate dentro do propio movemento. Na miña opinión, se non fai parte desa loita ten que, polo menos, camiñar á par. Neste obxectivo que nos marcamos, repensar un outro Mundo sostíbel, demanda botar abaixo a masculinidade tradicional para que poidan tamén participar daquel.

P: Após todo o que vimos de falar, é posíbel un feminismo que non sexa 'eco'?

R: Non o é para min. Podería darche moitas razóns mais hai unha moi simple que exporei parafraseando a Alicia Puleo: o feminismo ten unha vocación internacionalista, quere liberar a todas as mulleres, tamén aquelas que están a pagar o noso modelo de crecemento e a nosa maneira de consumir. Quen ten unha conciencia feminista reclama unha conciencia ecoloxista: o que aquí se lle chama progreso ten consecuencias noutros lugares do Mundo, nomeadamente para as mulleres.