Ence ''presionará'' para seguir en Lourizán "medrando a conta dos recursos ambientais de Pontevedra''

As declaracións do presidente da pasteira en que afirmou que "estamos máis perto de non nos transladar que de o facer" non chegan por sorpresa. Tanto o goberno municipal como a Asociación pola defensa da ría lembran que a empresa "obtivo sempre informes favorábeis" da Administración galega e recalcan que nin PP nin PSOE deron o paso á fronte para a botar de Lourizán

 
"Ence está máis perto de non se transladar que de o facer". As declaracións pronunciadas recentemente polo presidente da pasteira, Juan Luis Arregui, veñen confirmar a teima da empresa en ficar no seu emprazamento actual, a ría de Pontevedra, a pesar do rexeitamento ecoloxista, da cidadanía e do propio concello. Así, Arregui recoñeceu que leva desde o ano 2006 a "negociar" a posibilidade de atopar outra ubicación, "conversando sobre vantaxes, inconvintes e posibilidades", mais que no momento actual "estamos máis perto de non o poder facer tecnicamente que de o facer".

Cómpre colocar esta aseveración no marco de tres textos legais: dúas sentenzas do Tribunal Supremo e unha lei estatal. As dúas resolucións do Supremo dan a razón á Asociación pola defensa da ría e ao concello de Pontevedra, que recorrerán a decisión do TSXG de avalar un plan sectorial que estabelecía o carácter supramunicipal desas instalacións. A máxima instancia xudicial convida a anular o plan ao considerar "carentes de consistencia" os argumentos do Superior galego para non tomar en consideración as alegacións presentadas polos goberno municipal.

Baseándose nestas sentenzas, a Asociación reclamou á Xunta que anule os permisos administrativos e ambientais ao grupo empresarial. Mais, de saír adiante o borrador da Lei de costas aprobado en xullo polo goberno español, Ence podería continuar na ría durante 75 anos máis, até 2093.

Con este texto na man, a pasteira só precisaría dun informe positivo da consellaría de Medio Ambiente e reclamar a súa intención de seguir en Lourizán seis meses antes de que expire o permiso --mediados de 2017-- para saltar por riba da data límite imposta na normativa actual. Permítese tamén a venda e a transmisión da concesión por herdanza.

"Presionarán todo o que poidan para seguir aí"
Segundo explican César Mosquera --concelleiro de Ordenación do territorio en Pontevedra-- e Antón Masa --presidente da Asociación pola defensa da ría--, a Lei de costas tradúcese, na práctica, "nun desregulamento feroz, un retroceso de moitas décadas e a privatización do litoral". Após once anos reclamando que a papeleira abandone o seu emprazamento, sería "intolerábel" permitir unha prórroga máis aló de 2018. Porén, Masa está a agardar aínda que o PP anule os permisos da empresa en virtude das dúas sentenzas antes sinaladas, e non semella que desde a Xunta se vaia dar tal paso.

"As declaración non achegan nada sorprendente. Nunca disimularon a súa intención de seguir na ría, e presionarán todo o que poidan" para que esta posibilidade se torne real "porque grazas aos recursos ambientais da ría de Pontevedra están a obter uns beneficios enormes a baixo custo", sinala o edil do BNG. Polo de agora, e após revalidar nas urnas a súa maioría absoluta, na consellaría de Medio Ambiente replicaron as declaracións de Arregui subliñando que "a última palabra non corresponde á entidade empresarial" senón que está en boca do goberno galego tal e como dispón, xustamente, a Lei de costas. Acrecentou o departamento que dirixe en funcións Agustín Hernández, que "a opinión da Xunta está claramente expresada e recollida no programa electoral", en referencia a que Ence deberá abandonar as instalacións actuais en 2018 e buscar outro asentamento na comarca.

Os poderes político e económico 'aloumiñan' a pasteira
Ao respecto, recordan Mosquera e Masa que a pasteira "obtivo sempre informes favorábeis" da Administración galega, tamén cando a empresa era pública ou a  consellaría de Medio Ambiente estaba rexentada polo PSOE, "aínda que realmente incumpre toda a normativa". Exixen que o emprazamento da pasteira teña data de caducidade, aínda que César Mosquera insiste no "enorme poder" de que gozou sempre Ence. 

Coa aprobación do plan sectorial o presidente da pasteira era José Luis Méndez --ex-presidente de Caixa Galicia-- e na Xunta mandaba Manuel Fraga. Valorou Mosquera como "o poder político e o poder económico sempre teimaron en defender Ence e a súa ubicación" na ría pontevedresa, e critica que "todos somos moi ecoloxistas" mais até o de agora aínda nin PP nin PSOE publicaron no Diario oficial de Galiza ningunha liña que faga pensar na posibilidade de que a pasteira terá que mudar, efectivamente, de emprazamento. "E isto", conclúe o concelleiro nacionalista, "non vai mudar agora".