'Galiza ceibe, poder popular!'

[Imaxe: Maia]
Milleiros mobilízanse en Compostela pola rexeneración democrática e en prol da soberanía e dos dereitos nacionais do pobo galego


"Herdeiras e herdeiros da esperanza de Celso Emilio, erguemos a voz nun tempo escuro para convocar a sociedade galega, a esa inmensa maioría social traballadora, a unha resposta de dignidade e loita para enfrontar o tempo da devastación social e cultural, política e económica, que están a provocar as políticas do capitalismo ultraliberal do noso país, Galiza".

Con poucos minutos de retraso sobre a hora prevista, ao mediodía deste domingo saía da Alameda de Compostela unha manifestación histórica. Non polo número de participantes, malia seren milleiros, senón por ser a primeira vez que todas as forzas soberanistas do País, ou case todas, xuntaron folgos para dar unha resposta conxunta "perante a descomposición actual do sistema" e en prol dos dereitos nacionais do pobo galego.

BNG, CCPI, CIG, COG, Fruga, MpB, Nós-UP, Agir, Comités, AMI, Briga, Liga estudantil, Galiza Nova e Isca! foron as catorce organizacións impulsoras dunha convocatoria 'Polo dereito ao traballo, á igualdade, aos servizos públicos e á plena soberanía nacional galega' que foi secundada polo feminismo nun bloco lilá que percorreu as rúas da capital galega contra a "alianza criminal de patriarcado e capital". Na marcha non estivo, en troca, a Anova de Beiras, cuxos portavoces, en conversas con Sermos Galiza, declinaron explicar o porqué a súa ausencia.

Berros contra a corrupción que salpica o partido que goberna na Galiza e no Estado, o PP, reclamando a súa ilegalización; pola liberdade dos sete presos independentistas que fican deslocados en prisións españolas; cánticos contra a Conferencia episcopal "por machista e patriarcal", a manifestación entraba unha hora despois na praza de Praterías repetindo ao unísono 'Galiza ceibe, poder popular!'.

@s que este domingo saíron á rúa foron milleiros. Porén, como xa adiantaran @s voceir@s das organizacións convocantes, a valoración desta acción conxunta do soberanismo galego debe ser e é "moi positiva" polo mero feito de se ter producido esa resposta unitaria en contra "dun réxime onde os sectores máis conservadores gañan tempo nunha das súas batallas máis mediáticas: a eliminación de dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres". Contra todos os ataques que poñan en xaque o noso dereito a decidir.


NOTA: o texto entrecomiñado co que arrinca e pecha esta crónica está estractado do manifesto que dúas voceiras das organizacións convocantes leron ao final da manifestación, na praza das Praterías.