''Cómpre unha aposta forte pola problemática social da Galiza, esa que os grandes medios ignoran''

Seném Outeiro, membro da produtora Fílmika Galaika xunto a Roi Carballido, explícanos como se lles deu por rodar, nunha fin de semana, Somos Acó, o documental que narra a situación do ensino no interior de Lugo e Ourense. Conta tamén as súas experiencias anteriores, coas que aprenderon o potencial "da autoorganización do pobo"



Que chova a cachón...

A rebeldía das nais e d@s mestr@s do rural aderezada coa música de Quempallou para denunciar "un ataque sen precedentes á forma de vida no rural da Galiza, ao ser a educación o alicerce básico". Seném Outeiro, historiador e membro da produtora Fílmika Galaika xunto a Roi Carballido, explícanos como se lles deu por rodar, nunha fin de semana, Somos Acó, o documental que narra a situación do ensino no interior de Lugo e Ourense. Na práctica, unha volta ás escolas unitarias.

"En Guitiriz coñecemos algunhas persoas implicadas na organización da protesta" convocada pola Plataforma en defensa da montaña e que consistía en percorrer o Camiño de Santiago por etapas nas fins de semana, botando contas para chegar á capital galega o 12 de setembro, día en que comezaron as aulas en Infantil e Primaria. A idea era, segundo conta a mestra e nai Noelia Maceda, "baleirar as escolas e que todos os nenos estean con nós, se non é en corpo, en espírito".

Quéixase o profesor Pedro Rodríguez de que "polo menos até Primaria, a educación tiña que se desenvolver no rural en todos os colexios da Galiza". Porén, a experiencia de Seném Outeiro detallada nesta peza audiovisual deixa de manifesto que "os nenos son obrigados a se desprazar do espazo onde naceron, alimentando a idea de que a vida no rural non é viábel, que hai que emigrar a unha gran cidade".

Así as cousas, o documental, Somos Acó, naceu da indignación perante o panorama que con Outeiro e Carballido partillaron nais, docentes e crianzas de concellos como o de Samos, Cervantes, O Incio ou Vilariño de Conso.

 

E a produtora, Fílmica Galaica, xurdiu da necesidade "dunha aposta forte pola problemática social da Galiza, esa que os medios de comunicación públicos e a meirande parte dos privados ignoran". Antes desta experiencia houbo outras, como O espírito das trincadeiras (2011), ao redor do movemento popular que se ergueu nos '90 en defensa do monte comunal das Trincadeiras, máis unha mostra de resistencia, desta volta desde o local, que lembra os desenvolvidos nas Encrobas e Baldairo.

Fílmica Galaica está tamén detrás de Vikingland (2012), peza escrita e dirixida por Xurxo Chirro ao que Outeiro, que foi a voz de Xenreira, puxo a música. Esta historia da emigración galega no Norte de Europa narrada a partir da vida dos mariñeiros galegos que traballan nun ferry entre a cidade danesa de Romo e a illa alemá de Sylt exhibiuse e foi premiada en festivais alternativos de renome como Cineuropa, o PlayDoc ou o Festival internacional de cine de Xixón.

 

Que teñen en común todos estes títulos? "O compromiso social", ingrediente que non pode faltar na cociña audiovisual que Outeiro comparte con Roi Carballido. Mais hai outra característica que partillan todas as pezas, e que pasa polo que os seus autores aprenderon ao facer parte delas: "a espontaneidade, as ganas de traballar que ten a xente afectada. É mentira esa teima de que somos incapaces de amañar os nosos problemas. A forza da autoorganización do pobo é incríbel".

... mais que non mexen por riba de nós!