"As mulleres do rural da Galiza loitaron moito máis polas reivindicacións domésticas que as do resto do Estado e de Europa"

[Imaxes cedidas pola entrevistada]
Conversamos coa historiadora Isabel Rodríguez, encargada de compilar os 22 documentos do feminismo galego editados pola fundación Galiza Sempre e que vén de presentar o Observatorio Mariña pola Igualdade

 

Un debuxo de Fraga lavando a louza para reclamar a axuda dos homes no traballo doméstico non remunerado que asomen masivamente as mulleres. 'A liberdade de ser nai pasa pola liberdade de non selo' como cabeceiro dun manifesto de 1978 pola despenalización do aborto. 'Ama como queiras', un lema de 1989 en prol da sexualidade libre. 

Un claro posicionamento en contra da OTAN e moitos 8 de marzo 'Pola defensa dos nosos postos de traballo'. Son algúns dos panfletos e manifestos que compoñen o libro 22 documentos do feminismo galego, compilados pola investigadora Isabel Rodríguez Mate.


Malia os evidentes contrastes tanto durante os anos do libro (1975 a 2003) e respecto á época actual, de seguro que algún panfleto podería repartirse aínda hoxe, non si?

Si, desgrazadamente algún non, bastantes. Malia que a nivel xurídico si que houbo unha mudanza importante na consideración das mulleres, a discriminación segue en moitos ámbitos. Moitos deses manifestos dos anos '70 poderían divulgarse hoxe en día como unha reivindicación actual.

Por exemplo, en relación ao papel das mulleres en política, cunha porcentaxe moi reducida nas listas tanto ao parlamento galego como ao estatal até a aprobación da Lei de cotas (2007), que obriga a incluír un 40% de mulleres. Aínda hoxe, con esa lei, segue a ser moi desequilibrada a relación cos homes en aspectos como o acceso delas a postos directivos e a postos de responsabilidade. Isto tendo en conta que na Universidade elas son maioría.

Xa que preguntabas pola actualidade destes manifestos, tamén é moi evidente no referido á sexualidade das mulleres. Aínda non se superou esa dupla moral que condenaba a súa liberdade sexual e a utilización libre do seu propio corpo.

A partir deses documentos, podería debuxar con tres trazos como eran as mobilizacións feministas?

Estamos a falar dun contexto histórico que arrinca nos '70, na ditadura. O primeiro trazo serían os grandes riscos que corrían as activistas nos primeiros anos ao participaren en accións sociais e fronte a outros estados europeos porque pervivían os mecanismos represores, que se mantiveron até os '80.

"A importancia destes documentos reside no mero feito de existir"

A propia dinámica da ditadura deu lugar a que as mulleres se achegaran a organizacións de esquerdas e progresistas que primeiro loitaban na clandestinidade contra o franquismo e despois por unha transición verdadeiramente democrática. Isto levaba a unha dupla militancia que non estaba aceptada, ao participaren no movemento feminista e en partidos políticos. Este sería o segundo trazo, ao limitar as posibilidades de centrar as súas actividades en cuestións que afectaban especificamente ás mulleres.

Todo este retroceso que supuxo o franquismo avocou a que o movemento feminista galego dos '70 e '80 tivese que partir da reivindicación dos dereitos máis básicos, da saída desa minoría de idade vitalicia á que ficou suxeita na ditadura.

Por que son 22 documentos e por que revisten de tanta importancia?

Porque moitos destes documentos estaban en mans privados e accedemos a eles previa pesquisa das propias activistas. Eu agradecería a axuda que nos emprestou Nanina Santos. Son 22 documentos porque non podiamos incluír máis para que non se nos disparase o número de páxinas. Escollemos os máis significativos e agrupámolos en catro blocos temáticos (Cuestionar o rol tradicional das mulleres, Liberdade, sexualidade e dereito ao propio corpo, Reivindicacións en defensa da autonomía das mulleres e Mulleres e política).

A súa importancia reside no mero feito de existir pois transmiten hoxe en día o descontento delas pola discriminación que existía neste periodo e que, como dixemos antes, algúns seguen a estar de actualidade.

Hai algún risco que diferencie o contradiscurso das mulleres galegas?

Si, hai moitos. Eu centraríame na dinámica da ditadura e no forte retroceso que supuxo nos dereitos, que non aconteceu neste mesmo periodo noutros estados europeos malia existiren ditaduras, pois estas non tiveron os efectos da española tanto pola súa duración como polos efectos sobre a consideración social das mulleres.

Non ten nada a ver que a Galiza sexa un país eminentemente rural?

Por suposto, si. Até os anos '70 a porcentaxe de poboación que vivía nun hábitat rural era elevadísima en Galiza. É moi boa pregunta porque si que ten moitísima relación. Todas as teorías sociolóxicas e politolóxicas recalcan que o hábitat da poboación ten grande relación coa conformación dos movementos sociais. A mentalidade era moito máis pechada e os niveis de analfabetismo eran moito máis elevados. Todo isto conferiu unhas características específicas á loita feminista.

A súa presenza no movemento agrarista foi moi destacada porque a emigración masculina era elevadísima e eran elas quen se facía cargo das explotacións gandeiras. A isto cómpre sumarlle que as mulleres galegas sempre foron das que máis anos viviron en relación aos países da contorna, polo que as viúvas tamén quedaban coas explotacións e asumían as reivindicacións propias da economía doméstica. As galegas participaron moito máis en mobilizacións da economía doméstica que outras mulleres do Estado e de Europa.

"Chamoume a atención que as accións máis orixinais estiveran relacionadas coas reivindicacións máis polémicas"

Que lema ou que reivindicación foi o que máis atención lle chamou dos compilados?

As manifestacións máis orixinais estaban xustamente relacionadas con aquelas cuestións máis polémicas. Estou a me referir especialmente ao aborto. Os manifestos son moi rechamantes e as accións moi novidosas. Autoinculpacións co importante risco que corrían, por exemplo. A nivel gráfico recollemos unha imaxe de Fraga lavando os pratos [ri] para reivindicar a participación dos homes en igualdade nas tarefas do fogar. Esta campaña tamén me chamara moito a atención.

Este libro é moi útil para que as mulleres coñezamos a historia de loita polos nosos dereitos. Mais tamén é moi útil para os homes, ou non?

[ri] Si, moito. De feito amigos meus que consideraban que o feminismo hoxe en día non ten razón de ser, como se existise un tope de igualdade e que moitas das reivindicacións estaban desfasadas ou eran esaxeradas.

Ler o libro valeulles de reflexión para ver o lento camiño que andaron as mulleres e a vixencia de moitas cuestións aínda hoxe, como os teitos de cristal, a reducida presenza de homes nas tarefas doméstica e a dupla moral respecto da nosa sexualidade.