Guillerme Vázquez chama a ''unha gran mobilización social contra a ofensiva centralista do PP''

Imaxe: @MonchoVeras
Ás portas do Día da Patria, o voceiro do BNG arremeteu na Coruña contra o empoderamento das deputacións en detrimento de até 200 pequenos concellos na Galiza, e chamou "á rebelión e á insumisión". Concentracións máis pequenas espalláronse por todo o País contra os recortes

"Unha gran mobilización social contra a ofensiva centralista dun PP empeñado en liquidar o autogoberno galego". Ás portas do Día da Patria, foi esta a chamada que fixo esta sexta o voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez, nunha concentración na Coruña da que fixeron parte ao redor de 700 persoas. "O pobo está vivo e disposto a loitar polos seus dereitos: que non se engane a dereita centralista española", afirmou, para censurar deseguido "o silencio, cando non a cómplice colaboración" da Xunta do PP.

Máis unha vez, Vázquez voltou chamar á "insumisión" e á "rebelión", convencido de que "é hora de actuar" contra a vaga de recortes emprendida desde Madrid e que o nacionalista cualificou de "ofensiva centralista". Queixouse do reforzo imprimido polo Goberno español para as deputacións provinciais, ao aprobar o recorte de cargos electos e conceder o bastón de mando ás deputacións en douscentos pequenos concellos --de menos de 5.000 habitantes-- que verán reducidas á mínima expresión as súas competencias e ficarán só como elementos ornamentais.

"Pretende reforzar xusto as institucións que habería que suprimir", remarcou Guillerme Vázquez, retomando unha vella reclamación tanto da cidadanía como do propio BNG, e augurou que no albo destas medidas estaría "converter a Xunta en pouco menos que unha macrodeputación".

Máis protestas contra os recortes
Para esta sexta ás oito do serán convocáronse tamén concentracións espontáneas en varios puntos do país para protestar contra os recortes. Foi a través das redes sociais, e o punto de encontro fixouse nas sedes do PP de cada localidade. Centos de persoas acudiron á chamada. Segundo se pode ler nos chíos d@s manifestantes no Twitter, en Ourense entraron no local e guindaron dentro restos de lixo e ovos. En Vigo cortaron a rúa do Areal e na Coruña ducias de persoas queixáronse diante das instalacións da división empresarial do que foi Caixa Galicia.