''Algo moi grave está a piques de acontecer na Galiza... e pouc@s o saben''

A Sociedade galega de historia natural vén de xuntar recoñecidas voces da cultura galega nun vídeo en que advirte dos efectos da minaría contaminante e que acompaña unha campaña estatal aberta en Change.org dirixida ao presidente da Xunta: Que non arrasen a Galiza!





​''Algo moi grave está a piques de acontecer na Galiza... e pouca xente o sabe''

Así arrinca o vídeo da campaña contra a megaminaría contaminante que esta terza feira lanzou a Sociedade galega de historia natural acompañada dunha petición aberta na páxina Change.org en que reclama ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que deixe de amparar proxectos como o de Corcoesto, o de Xinzo da Limia, o de Presqueiras, o de Santa Comba ou o da Fonsagrada: explotacións mineiras xestionadas polo capital estranxeiro que esquilma a riqueza do País para deixar nel as faragullas. 

En tres minutos, nove voces erguen a voz en contra dunha idea que o Goberno galego plasmou en campañas publicitarias como aquelas en que proclamaba que 'Galiza é unha mina' ou que 'A minaría forma parte da túa vida'. Todas esas voces falan español. Explican @s impulsor@s que foi feito así ao considerala unha campaña para alertar ao resto do Estado do que está a acontecer na Galiza; porén, o emprego de lendas en castelán tería resolto as dificultades de comprensión que puideran xurdir perante unha locución en galego. 

Aliás, cómpre sinalar tamén que, malia a diversidade de eidos en que desenvolven a súa actividade, entre @s colaborador@s só hai unha muller: a actriz Sabela Arán. Para alén desta profesional, na campaña colaboran os xornalistas Moncho Varela e Fernando González 'Gonzo';  os actores Carlos Branco, Luís Zahera, Javier Veiga e Vítor Mosqueira; o adestrador de fútbol Fernando Vázquez e o escritor Suso de Toro. 

O exemplo do que lle agarda á Galiza se non se lle paran os pés á Xunta é o proxecto mineiro de Corcoesto: destruír 400 campos de fútbol a cambio duns vinte postos de traballo e por bandeira dúas das moitas mentiras que sustentan o negocio da minaría: a creación de emprego e o freo á perda de poboación.

"Lembrades o que aconteceu en Aznalcóllar?"

É a pregunta que Carlos Branco lanza no vídeo. A Sociedade galega de historia natural ten comparado xa co acontecido nesta localidade española cando a balsa propiedade da empresa mineira de capital suizo Boliden rachou e liberou o seu contido no parque natural de Doñana.

En Corcoesto, a balsa mineira de Edgewater situarase a 140 metros dun espazo natural protexido, o LIC do río Anllóns, e a empresa non terá que asinar seguro ningún de responsabilidade civil para responder polos danos que poida causar a explotación mineira. O estudo de impacto en que se valora o patrimonio socio-económico dos concellos afectados (Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco) non chegou tampouco a se facer nunca.

O documento audiovisual vai da man dunha petición aberta en Change.org que acadou xa milleiros de sinaturas. Pensada a nivel estatal, desta volta a información si que está accesíbel tamén na nosa lingua: vai dirixida a Núñez Feijóo e exíxelle "que non permita a destrución da Galiza", un País ao cal a Sociedade galega de historia natural ve "en máis perigo agora que nunca". 

Repasan os "exemplos de respecto polo medio ambiente" que a actividade mineira ten deixado na Galiza: a canteira que proporcionou arenisca para a cuberta da Cidade da Cultura foi pechada por falta de licencia; as pizarreiras de Valdeorras e Quiroga devoraron xa varios quilómetros de ríos e coas súas xigantescas escombreiras están invadindo espacios protexidos de O Courel e Pena Trevinca. A renglón seguido, colócanse "as ameazas" que afronta o País neste momento: de Corcoesto á Serra do Galiñeiro pasando pola Fonsagrada ou as Fragas do Eume. 

"A vida cotiá dos galegos non sería o mesmo sen a inxente actividade mineira que caracteriza á nosa comunidade", di a Xunta de Galiza na publicidade A minaría forma parte da túa vida, vendendo esta actividade como unha oportunidade para crear emprego en época de crise. A re-apertura de minas que ficaran clausuradas como as que se proxectan na parroquia de Presqueiras, en Forcarei; e o impulso a novos proxectos como o de Xinzo da Limia colocan Galiza diante dunha pregunta que Sabela Arán lanza neste vídeo: "a que prezo?"