''A vida das mulleres na Galiza vale moi pouquiño''

O colectivo contra a violencia machista Ve-la Luz e o BNG da Coruña arremeten contra o desmantelamento dos servizos de protección ás mulleres asinado polo goberno de Carlos Negreira (PP)

"A vida das mulleres na Galiza vale moi pouquiño", sentenciou a voceira da asociación contra a violencia machista Ve-la Luz, Gloria Vázquez, após unha xuntanza que mantivo co concelleiro do BNG Xan Caxigal e a responsábel de Acción feminista da fronte nacionalista, Vitoria Louro, en que acordaron, perante os recortes aplicados polo PP na Coruña, na Galiza e no estado, exixir máis recursos na loita a prol da equidade de xénero.

Así as cousas, Vázquez colocou riba da mesa os propios datos da Xunta de Galiza para pór de manifesto "a inaplicación da lei e a falta de protección a menores". Botando man das cifras, destacou que das 5.153 denuncias que se rexistraron nos xulgados do país só se decretaron 935 ordes de protección oficiais. De cada cen mulleres que se atopan en situación de violencia machista, só 17 reciben axuda económica. Por todo isto, a activista feminista exixiu o despedimento "por baixo rendemento" da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, após informar que declinou recibir Ve-la Luz todas as veces que a asociación pediu unha xuntanza.

O PP desmantela a protección ás mulleres
"Non é de recibo que o goberno local diga que se está pola igualdade cando está destruíndo as medidas municipais que a impulsaban", apuntou Caxigal, quen criticou que a chegada da dereita ao executivo municipal se traducise nun "grave retroceso" en materia de igualdade.

Ao fío, referiuse ao desmantelamento da concellaría de Igualdade, a supresión de partidas como o Plan de emprego para as mulleres --que pasou dun orzamento de 62.695 euros a non recibir ren--, os programas sociais de igualdade --que antes recibían 360 mil euros-- ou a partida para actividades culturais, que ascendía até os 82 mil euros. Continuando coas cifras, o nacionalista denunciou que en 2011 o goberno que encabeza Carlos Negreira (PP) "deixou sen executar 265.129 euros" destinados á promoción de emprego e da autonomía das mulleres.

Atadas á burocracia
Pola súa banda, a responsábel de Acción feminista, Vitoria Louro, subliñou "a indefensión á cal están sometidas as mulleres", en particular as vítimas de violencia machista, "por parte dos gobernos, que terían que velar pola súa protección no sentido máis amplo da palabra". Ao fío, Louro denunciou que "nin as mulleres están a solicitar axuda, nin as crianzas están a recibir o trato que desde as leis lles recoñecen".

Isto porque, segundo entende a nacionalista, "a burocracia" que rodea os procesos para prensetar unha denuncia remata co 60% arquivadas por falta de probas. "Esas mulleres fican obrigadas a volver ao círculo da violencia do cal intentan fuxir". "De nada vale que, agora que imos vivir unha campaña electoral, as declaracións grandilocuentes en contra da violencia machista, de nada vale se as súas declaracións non van acompañadas de feitos concretos", dixo a nacionalista, nunha mensaxe dirixida aos partidos políticos, nomeadamente ao PP.