''A ignorancia supérase lendo'': Carlos Callón mándalle ao ministro de Interior o libro 'Amigos e sodomitas'

O escritor galego fíxolle chegar este título a Fernández Díaz após o rexeitamento que fixo publicamente do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, pese a ficar avalado polo Constitucional

Após o rexeitamento feito público polo ministro do Interior, Jorge Fernández Díaz, en relación á sentencia do Tribunal Constitucional que iguala as unións entre persoas de distinto ou do mesmo sexto baixo o termo 'matrimonio', o escritor galego Carlos Callón quixo facerlle chegar ao político conservador un agasallo en forma de libro: Amigos e Sodomitas.

"Sigo crendo que o matrimonio define a unión dun home e unha muller e estou en contra do dereito a adoptar nenos por parellas do mesmo sexo. Creo que debe prevalecer o dereito do neno", valorou Fernández Díaz. "A ignorancia sándase lendo e, coa lectura, tamén se poden desterrar moitos prexuízos", respostou Carlos Callón, quen sinala que "os medos" do ministro "remontan na realidade a unha intolerancia que nace nos últimos séculos da Idade Media".

Convida o escritor a que tanto o político do PP como todas as persoas que pensen coma el a "superaren ese odio irracional contra o diferente" e recorda que nin as unións entre persoas do mesmo sexo nin a sentencia do Constitucional ao respecto veñen descubrir nada novo. No libro que enviou a Madrid fálase do matrimonio entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz en 1061, aclarando que "que sexa o máis antigo dos cales se conserva documento non quere dicir que fora o máis antigo que existe".