Compostela e Lisboa acollen senllos encontros para analizar a lexitimidade da débeda

Mobilización en Vigo pola abolición da débeda [SG]
Realizaranse o sábado 19 e neles debaterase se debe ser pagada pola cidadanía así como se existen vieiros alternativos ás políticas de austeridade, pois con ela a saída da crise capitalista é "completamente imposíbel"


Lisboa e Compostela acollerán o vindeiro 19 de xaneiro sendos encontros sobre a auditoría da débeda. No caso da xuntanza na capital da Galiza, ten como obxectivo ser un espazo de formación e organización cidadá para denunciar o mecanismo de explotación da débeda, as políticas económicas e financeiras que provocaron a crise e os programas de austeridade que se están a impor para a xestionar.

A primeira reunión para preparar este encontro realizouse en outubro de 2012 e nela participaron representantes do nodo catalán da Plataforma cidadá da auditoría da débeda (PACD). Desde a organización do encontro sinalan que a análise "sobre a lexitimidade ou ilexitimidade da débeda" é "un poderoso instrumento de empoderamento" para a cidadanía que procura a transparencia do Goberno.

Pola súa banda, a equipa que convoca a xuntanza en Lisboa presentará "as contas" do traballo realizado durante o último ano nesta materia orientado en todo caso a "identificar as causas e responsabilidades políticas" do endebedamento e a explorar os vieiros que servirían de alternativa ás políticas de austeridade "que sufocan á totalidade dos cidadáns".

Europa mírase no espello dos países do Sur

Así as cousas, o sábado estará en Lisboa a organización do Reino Unido Jubilee Debt Campaign representada por Nick Dearden. Nunha entrevista, Dearden sostén que a reflexión "perniciosa" de que a débeda debe ser pagada si ou si xa se puxo riba da mesa respecto dos países do Sur, cando se aceptaba que as divisas debían ser sempre devoltas aínda que fosen outorgadas a un ditador e empregadas "para oprimir as mesmas persoas ás que agora se lles exixe a débeda".

Recoñece Dearden que "cómpre moita pedagoxía" para mudar a opinión social e que a día de hoxe chegou o momento de discutir "que sería unha débeda ilexítima en Europa". Nesta liña, pregúntase o activista pola abolición da débeda externa se os lucros obtidos "á custa da miseria das persoas" emprestando diñeiro a xuros elevados "unicamente para mercaren roupa e comida" debe realmente ser pagada. Remarca que resolver a crise capitalista pola vía da austeridade "é completamente imposíbel", e subliña que "a austeridade funciona de facto para o 1% da poboación, que se enriqueceu para alén do imaxinábel nos últimos 30 anos".