Ana Cedeira: "A arbitraxe foi creada pola Xunta e o banco porque lles conviña. É unha montaxe"

Ana Cedeira [Imaxe: SG]

Ana Cedeira é portavoz da Plataforma de Afectad@s pola estafa das preferentes na Coruña. En conversa con Sermos Galiza asegura que o ex-conselleiro de Economía, Javier Guerra, aconsellou ás estafad@s non se moveren "porque ía ser peor". De Feijóo, só pode dicir que é "un mentireiro" do que din sentírense "moi desprezad@s"

 

Ana Cedeira é natural de Arteixo. Foi estafada por Caixa Galicia ao lle vender "unha persoa de confianza" participacións preferentes. Corría o ano 2003 mais non o sabería até pasaren os anos. Logo do estourido deste calote --que afecta a 100.000 persoas en todo o país-- Ana acudiu á arbitraxe. "Devolvéronme o diñeiro", di, mais tamén apunta que o facían para tentaren partir a masiva resposta social. 

"Non descartamos ir á ONU para denunciarmos o dano humano que causou a estafa das preferentes"

Deste proceso --do que Alberto Núñez Feijóo se gaba acotío-- asegura que é "unha montaxe" creada "pola Xunta e o banco porque lles conviña". Para Ana, NovaGalicia Banco é "xuíz e parte" nesta estafa que foi rexeitada mesmo pol@s estafad@s pois "sabiamos que ía pasar o que está acontecendo". E é que moit@s afectad@s non foron chamad@s para acudiren a unha vía extra-xudicial agora fechada. 

"Nós o que queriamos era a arbitraxe para todos", sentenza, mais iso exixe "unha solución política" que a Xunta, afirma con rotundidade, non está a dar. "Temos a sensación de non valermos nada". 

A entrevista completa, no número 55 do Sermos Galiza. Xa á venda nos quiosques e librarías do país. Mais tamén, na nosa loxa.