'100% feito por nen@s de oito anos': máis unha acción de boicot a Inditex

[Imaxe: Rizlinha]

A plataforma cidadá creada na Coruña para denuncias a falta de dereitos laborais que afecta ás traballadoras do téxtil, nomeadamente as obreiras das fábricas subcontratadas por Amancio Ortega, chama a colocar contra-etiquetas nas prendas das tendas de Inditex


'Amancio máis rico e nós máis pobres', 'Esta prenda está feita por nenas escravas', '100% feito por nen@s de oito anos', 'Esta prenda é froito da escravitude'. 

Son algunhas das contra-etiquetas que a plataforma Boicot Inditex chama a colocar na roupa que se vende nas tendas do xigante da moda propiedade do coruñés Amancio Ortega (Zara, Bershka, Stradivarius, Maximo Dutti, Kiddys Class, Oysho e Pull&Bear, Uterqüe e Temple) para combidar á reflexión ao redor das moitas denuncias por empregar man de obra escrava que o imperio carrexa ás costas. Unha chamada ao consumo crítico, consciente e responsábel en pouco máis dun minuto. Eis aquí o vídeo.



Con todo, non é esta a primeira acción en prol do boicot a Inditex. A plataforma presentouse en sociedade cunha protesta no medio e medio da Coruña, na Praza de Lugo, o primeiro sábado de rebaixas, día en que as tendas de Amancio Ortega están cheas a rebentar.

Sentadas en cadeiras e vestidas como as traballadoras do téxtil (algunhas das activistas son efectivamente obreiras que traballan para Inditex) acompañaron cada asento cunha cartulina en que explicaban as súas condicións laborais: 'Despídenme se fago folga', 'Sen dereito a sindicación', 'Traballo sen contrato', 'Despedíronme por ser vella'. 

Colocáronse en ringleira diante dunha tenda de Bershka para denunciar "a imaxe amábel que venden os medios de comunicación sobre Amancio Ortega", sinalando que a campaña de boicot, que intensificará accións en todo o País, pretende "amosar a outra cara da moeda". 



NOTA: Sermos Galiza publicou no nº34 do seu semanario en papel, que saíu do prelo a sexta feira 8 de febreiro, unha ampla reportaxe en que varias traballadoras do téxtil subcontratadas por grandes firmas como Adolfo Domínguez ou a propia Inditex denunciaban as súas condicións laborais