A Confraría de Noia e a plataforma comarcal denuncian “falsidades e tentativas de manipulación” da Cámara Oficial Mineira

Ducias de persoas concentráronse nas inmediacións de San Caetano contra a mina de San Finx. (Foto: Nós Diario).

O sector do mar defende o carácter estratéxico do marisqueo fronte á mina de San Finx e lembra as relacións esta entidade coa industria.

A Confraría de Noia e a plataforma comarcal contra as verteduras da mina de San Finx expresou, a través dun comunicado, a súa “total repulsa ás falsidades difundidas pola Cámara Oficial Mineira da Galiza”, á que acusan de “tentar ocultar os impactos da mina de Lousame sobre a ría de Muros e Noia e facer lavado de cara a unha Xunta que ten numerosos funcionarios e altos cargos imputados polas irregularidades da explotación”.

A reacción desta asociación chega despois que a Cámara Oficial Mineira expresara esta sexta feira a súa preocupación polo que consideraban “abuso” que supón “a xudicialización do traballo de técnicos e funcionarios”. Ademais, apuntaban que a oposición social a esta mina nacía de “información imprecisa, sen ningún valor científico e cun rumbo ideolóxico anti-minería. Este rexeitamento ten outros intereses, por iso oponse á depuradora, xa que é necesaria a súa construción para a drenaxe da mina”.

Desde a Confraría e os colectivos lembran que xa en 1987 a Fiscalía iniciou dilixencias contra a mina de San Finx por delitos contra o medio ambiente e que actualmente hai catro causas penais abertas.

Acusan á Cámara Oficial Mineira, “que recibe centos de miles de euros de subvencións da Consellaría de Economía e Industria”, de mentir abertamente “ao afirmar que a mina de San Finx nunca causou problemas coa calidade das augas e co marisco, cando hai estudos científicos que demostran como a mina foi a causante directa da acumulación de metais pesados na ría cando estivo operativa durante o século pasado”.

Con estes argumentos, segundo a Confraría e a plataforma, o organismo empresarial “pretende xustificar o inicio inmediato do baleirado das galerías da mina, que provocaría unha inxección de case mil millóns de litros anuais de augas contaminadas á ría, a pesar de que a explotación non conta cun proxecto de explotación válido nin unha avaliación de impacto ambiental”.

“A Cámara Oficial Mineira non dubida en acusar as confrarías e restantes organizacións opostas á vertedura a promover información sesgada e sen valor científico, cando foi a propia Confraría de Noia a que contratou os servizos do prestixioso hidrólogo Steven H. Emerman para achegar informes independentes que evidencian a ineficacia do sistema de tratamento proposto pola empresa mineira e aprobado pola Xunta”, sinalan desde esta asociación.

Relacións coa industria mineira

A Confraría recorda que o organismo presidido por Juan José López Muñoz, “que foi hai pouco directivo dunha filial da empresa australiana que controla as minas, tenta xustificar a actividade mineira con auténticas barbaridades como que as minas de San Finx xa funcionaban hai 6.000 anos, máis de 2.000 anos antes do inicio da Idade do Bronce no noroeste peninsular, coa que se comezou a utilizar estaño”.

Por iso, desde a plataforma comarcal recomendan a López Muñoz “aproveitar as vacacións para informarse mellor e perseguir as irregularidades dentro do seu sector en vez de tentar tapalas con mentiras.”

Fronte ao suposto carácter estratéxico da mina de San Finx, desde o pósito noiés lembran que o proxecto de explotación da mina de 2009 apenas contemplaba 12 postos de traballo, mentres que a actividade marisqueira xera máis de 2.000 empregos directos e máis de 10.000 indirectos, cunha facturación anual de máis de 20 millóns de euros.