‘Chía pola Filosofía’: unha campaña que vai máis alá da simple defensa dunha materia

Recollida de sinaturas na campaña Filosofía Si

Os promotores da ILP para pedir que filosofía volva ser obrigatoria no ensino secundario animan a tuitear aforismos, frases... de filósofos baixo o HT #FilosofíaSi. Unha iniciativa que quer ser activa e participativa para defender un outro modelo de ensino.

Unha campaña anima a subir ás redes sociais aforismos, frases e reflexións de filósofos para así non só reivindicar a importancia desta materia e a súa necesidade, mais tamén a defensa dun ensino con pensamento. Impulsada polas persoas promotoras da ILP que reuniu máis de 8.000 sinaturas a favor de que a filosofía volva ser obrigatoria en segundo de bacharelato, a campaña decorrerá entre o 15 e 27 de setembro.

 

“Queremos que sexa unha campaña activa, participativa...”, indica Carme Adán, salientando que o debate que se está a dar “non é se unha disciplina máis ou menos no ensino, senón sobre que tipo de ensino queremos”. Para a profesora e ex-deputada do BNG, afastar a filosofía do ensino é “eliminar o pensamento crítico”, “todo un erro”.

 

O catedrático Jorge Álvarez explica que esta campaña “pretende implicar a canta máis xente mellor”, facendo especial fincapé nos centros de ensino, aos que se lles remitiu unha carta dando conta da iniciativa e animándoos a participar. “Levando esta campaña ás redes sociais queremos rachar con esa idea que hai da filosofía como algo antigo, afastado da actualidade”, di Adán.

 

Pensar

 

A filosofía é ante todo formativa, defende Álvarez, unha materia que fornece de pensamento, de crítica, que crea unha autonomía no suxeito. “Que a filosofía estea ou non no ensino indica un ou outro tipo de ensino”, di. Tamén de Sociedade? “Tamén”. Jorge Álvarez enmarca o que acontece coa filosofía no “choque” entre concepcións do ensino que se evidencian entre os indicadores da OCDE (“cun nesgo técnico, instrumental, economicista...”) e os da Unesco (“máis plurais”). Os primeiros impulsan recortes naquelas materias fulcrais para “formar unha persoa” fronte aos segundos.

 

Mais hai indicios de que a sociedade reaxe. E non só polas máis de 8.000 sinaturas que apoian a ILP polo retorno da Filosofía como obrigatoria. “Hai un clima estendido de que un ensino instrumental pode ser necesario, mais non chega”, considera Álvarez. Así, hai múltiples iniciativas ao longo do Estado español en defensa da filosofía, lembra. “E hai once autonomías que, dunha maneira ou outra, volven situar a filosofía nun lugar relevante no ensino”, engade.