Escarnio e Maldizer

“O único que conseguiu o Estado español con estas medidas punitivas é aumentar a rede de solidariedade"

Imaxe de GZ Contrainfo

Máis de cen persoas multadas, con sancións de até 800 euros, pola ocupación do colexio Peleteiro, en Compostela, no transcurso dunha mobilización contra o desaloxo do CSOA (centro social okupado autoxestionado) Escarnio e Maldizer, en Compostela. Falamos con persoas deste colectivo.

O 10 de xuño levouse a cabo unha mobilización en solidariedade co centro social compostelán Escarnio e Maldizer, desaloxado e fechado apenas unha semana antes “nunha clara mostra de atentado contra o patrimonio”, segundo declaracións do colectivo.

 

Nunha primeira manifestación en solidariedade con este centro social, e na cal participaron centos de persoas na zona vella de Compostela baixo a lenda “Defende os centros sociais, defende o Escarnio e Maldizer”;  houbo “unha brutal carga policial”, segundo os manifestantes, que levaban a cabo “unha protesta pacífica”, explican.

 

“Traballamos coa avogada en demostrar que a policía non nos permitira saír do edificio. Desde fóra colocaran un furgón que impidía, fisicamente, a saída. Ademais, daba máis medo saír que quedarse dentro”

 

Na manifestación do 10 de xuño, algo máis dun cento de persoas entraron no patio do antigo Colexio Peleteiro –que estaba desocupado-, como cumio das protestas polo fechamento do centro social. “A maior parte das persoas alí reunidas non entraron no colexio, quedaron sentadas ás súas portas como apoio aos que estaban alí dentro. Unha vez que os policías conseguiron entrar no colexio, en lugar de deixar saír ás persoas ordenadamente, como así o demandaban, estas foron ameazadas, espancadas, insultadas, vexadas e identificadas unha por unha”, explican desde a Asamblea de Multadas no seu manifesto. “Xeraron unha situación totalmente gratuíta de risco, disparando bolas de goma e botes de fume”.

 

Vaga de multas e sancións

 

Dous meses máis tarde, máis de cen persoas recibiron notificacións de propostas de multas, a maioría delas de 800 euros. Logo había menos de dez cun importe inferior de 200 euros. Estas foron xulgadas segundo o artigo 37.2 da coñecida como “Lei Mordaza”, que sanciona “a exhibición de obxectos perigosos para a vida e integridade física das persoas con ánimo intimidatorio”. Segundo fontes da Asamblea de Multadas, “os manifestantes levabamos piruletas normais de manifa e dixeron que era para atacar a policía”.

 

“Coa nova lexislación, pasa como coas multas de tráfico, para evitar que a xente recorra venden a rebaixa de 50% se pagas nun periodo curto de tempo e non reourres. Organizamos unha asamblea cunha avogada activista que nos informou das nosas posibilidades legais. A decisión final foi garantir que todas puideran asumir o pronto pago, tivera cartos ou non, asumindo a asamblea quen non puidera. Dun modo colectivo conseguimos que todo o que quixera puidese pagar”, explica Iago Verde, unha das persoas multadas polo desaloxo e membro do colectivo. “Finalmente houbo dúas decisións para traballar conxuntamente: unha que pagou axiña e outra decidiu recorrer”.

 

“Os manifestantes levábamos piruletas normais de manifa e dixeron que era para atacar a policía”

 

“Sancións contra algo tan digno como o dereito de protesta”

 

Escarnio e Maldizer publicaba un vídeo no cal se recolle o manifesto escrito pola nova Asamblea de Multadas, onde se denuncia a “violencia policial” e “as sancións a algo tan digno como o dereito a protesta”. Multas que consideran “desorbitadas” e que financian a través da organización de “xornadas solidarias organizadas por centros sociais ou asambleas independentes”. “Todas teñen o mesmo formato: palestra, xantar, algún concerto etc. Xa se teñen organizado en Compostela (desde onde se leu o manifesto da Asamblea das Multadas), na Coruña e Vigo. Esta fin de semana haberá unha en Cangas e tamén está prevista outra na Guarda”.

 

“Traballamos coa avogada en demostrar que a policía non nos permitira saír do edificio. Desde fóra colocaran un furgón que impidía, fisicamente, a saída. Ademais, daba máis medo saír que quedarse dentro”. “Agora toca intentar recuperar todos os cartos que lle demos ao Estado e que a nosa actividade política non teña repercusión nas nosas vidas”, explica Iago Verde.

 

Para a Asamblea de Multadas, “o único que conseguiu o estado español con estas medidas punitivas é incrementar o tamaño da rede de solidariedade contra a súa represión e activar unha Asamblea de Multadas que en lugar de calar, faise máis forte”.