#sermos214: O 25S e o déficit comercial da despensa galega
Ntes novo número falamos da recta final da campaña, de como un país como Galiza é líder en importación de produtos agrícolas e pesqueiros, das novidades editoriais do outono, da revolución do vento que acontece en Muras... Todo isto, e máis, xa na nosa loxa.
O sector agroalimentario de Galiza depende dos produtos e materias primas procedentes do exterior. Esa é a principal conclusión que se extrae do último informe –correspondente á primeira metade do ano- da Secretaría de Estado de Comercio e que sitúa Galiza como a comunidade produtora que máis depende da importación para o consumo propio de alimentos ou para abastecer as súas industrias de transformación agroalimentaria. Debullamos esta cuestión en 'Galiza, líder en importación de produtos agrícolas e pesqueiros'.
'Muras, a revolución do vento'. Os 381 aeroxeradores de 16 parques eólicos privados fornécenlle ao Concello de Muras arredor de 900.000 euros ao ano só en impostos. Por vez primeira, un concello galego bonificará a factura eléctrica da veciñanza empadroada. O alcalde, Manuel Requeixo (BNG), cualifícao como “un acto de xustiza”.
As persoas que viven no rural, aínda con dificultades para acceder aos bens culturais. A Deputación de Pontevedra leva a cabo unha experiencia singular para achegar unha programación de calidade aos 62 concellos da provincia, no marco do Ano Castelao. 'Até onde chega a cultura?'.
Internacional
Os países non aliñados apostan na parcería co G77+China'. A cimeira MNOAL entregou a presidencia pro témpore a Venezuela que recolle o testemuño do Irán Demandan a refundación da ONU, cunha reforma a fondo do Consello de Seguranza e dotando de maior transparencia a designación da secretaría xeral. E en 'Varios camiños posíbeis para o futuro en Euskadi' achegámonos ás eleccións vascas.
Coa escusa da crise fixouse desde o poder un discurso de descrédito do público que permitiu ao goberno galego traballar nun duplo obxectivo: recortar condicións e dereitos aos traballadores públicos e impulsar a privatización dos servizos públicos. De 2010 a 2016 destruíronse 9.000 postos de traballo nas administracións públicas na Galiza. Unha media de catro ao día. 'A ofensiva contra o emprego público'. En Análise debullamos a reorientación das explotacións lácteas.
O outono preséntase cargado de novidades editoriais: novelas, poesía, ensaios literarios... xunto cunha ampla oferta infantil e xuvenil. Contámoschas neste número do semanario. E en 'andar e ver' imos co colectivo Xea “Da Frouxeira a Meirás por excelentes paisaxes”. En 'Lois Tobío, Sempre en Galiza', Marga Doval fai un retrato de quen Díaz Pardo consideraba a figura máis importante da historia da Galiza do século XX despois de Castelao. Na contra-capa vaxamos por Fachas e Fachós e no selfie-entrevista, Francisco Castro.
Ademais, as achegas e colaboracións de Manuel Veiga, Luz Darriba, Mario Regueira, Andrés Castro, Emcarna Otero ou Mónica Pazos.