O que queda tras catro anos de Rajoy
Repasamos a fondo o que deron de si os catro anos de Mariano Rajoy á fronte do Goberno español, coa incerteza de se haberá continuidade ou cambio após os resultados do 20D. Xa á venda na nosa loxa.
A seguir dese primeiro espello retrovisor, o A Fondo pousa a ollada con maior detalle e concreción en varios asuntos e conflitos que definiron en grande medida a era Rajoy. A activista e licenciada en dereito Carla Leiras, denuncia o retroceso en liberdades e dereitos civís, falando dunha “dobre mordaza”, a da chamada Lei de seguridade cidadá e a reforma regresiva do código penal.
Da constante agresión do executivo cesante cara ás clases populares e de maneira moi significativa cara a clase traballadora, dá conta Manuel Mera, director da Fundación Moncho Reboiras, denunciando que con Rajoy na Moncloa “fortaleceuse a explotación”. “As condicións laborais deterioraronse moito en todos os aspectos. Non tanto pola crose, como pola aposta do PP a favor da centralización da riqueza e do poder” explica.
Os servizos públicos foron o alvo principal dos recortes impostos pola maioría absoluta do Partido Popular. Alexandre Louzao, integrante da organización estudantil Comités, achega datos e argumentos para soster que estes catro anos foron “nefastos para o ensino público”. “En catro anos o goberno do PP sentou as bases para desfacer o conseguido até agora en materia de educación”, lamenta.
A secretaria confederal de Muller da CIG, Margarida Corral, fai repaso das numerosas agresións contra as mulleres e no retroceso nas políticas de igualdade. Corral sintetízao nun binomio: “Goberno do PP: retroceso nos dereitos e liberdades das mulleres”. “O Goberno do PP pasará á historia polo seu ataque contra os dereitos das mulleres, polos recortes, a precariedade e o retroceso nos dereitos e liberdades”.
O caderno conclúe con 10 imaxes que pretenden resumir o que deu de si a lexislatura. Nelas aparece Juncker, Juan Carlos I, Bárcenas, Gallardón, Ana Mato, Artur Mas, o plasma da Rajoy, Pedro Sánchez, Rodigo Rato e Merkel. Un corolario gráfico que confirma a intensidade deste período.