A FONDO

70 anos das Nacións Unidas?

O caderno A FONDO desta semana está dedicado ao 70 aniversario da creación da Organización das Nacións Unidas. Xa á venda na nosa loxa.

O 24 de outubro de 1945 constituíase formalmente a Organización das Nacións Unidas, a partir da Carta das Nacións Unidas aprobada por 50 estados na Conferencia de San Francisco, decorrida o 26 de xuño dese mesmo ano. Trátase do segundo intento, após a fracasada Sociedade das Nacións (18919), de crear unha instancia multilateral que procurase o mantemento da paz e a seguridade a nivel mundial.

Cando se cumpren 70 anos do seu nacemento, analizamos A FONDO o papel que a ONU ten xogado durante estas sete décadas. Faise en chave interrogativa, como se recolle no título, pois segundo explica o coordenador do caderno, Xabier P. Igrexas, en función da súa propia historia “cabe preguntarse se efectivamente arestora existen de maneira efectiva as 'Nacións Unidas' e se responden á súa misión”. O caderno recolle as orixes e o proceso histórico que deu lugar as Nacións Unidas, unha escolma dos principais datos que describen a súa actividade, e unha valoración a varias voces a respecto do grao de cumprimento dos seus obxectivos fundacionais. 

Nunha completa entrevista, o profesor de dereito internacional público da USC, Antón Martínez Puñal, achega respostas ás principais cuestións arredor da ONU, da súa actividade até o momento e tamén dos reptos de futuro.  Reptos nos que se inclúe como dar resposta a un crecente cuestionamento da propia Organización, e da propia institucionalidade do sistema mundial, que é analizada polo doutor en ciencias sociais Julio C. Gambina (Arxentina), que ademais achega unha perspectiva desde a periferia, desde o Sur. 

Manuel Mera, Presidente da Fundación Moncho Reboiras, repara en como a correlación de forzas a nivel internacional ten incidido, e incide, na orientación das propias Nacións Unidas, determinando en grande medida a súa axenda e influíndo na súa toma de decisións. Un dos fenómenos aos que a ONU debera ter dado resposta é o Imperialismo, e singularmente as sucesivas guerras imperialistas e novos procesos de tipo neocolonial. En opinión do activista internacionalista Óscar Valadares a Organización “non intervén para terminar conflitos, mais para perpetuar as relacións asimétricas de poder”, o que a convirte nun factor perpetuador do propio Imperialismo.

Aliás, o caderno tira unha fotografía panorámica a través dunha escolma de sete momentos chave na historia da ONU, con figuras tan salientábeis como Fidel Castro, Nikita Kruschev, Ché, Yasser Arafat, Hugo Chávez, Muamar Gaddafi ou Vladimir Putin.