Historia dunha viaxe a Cuba

Galería Revolución. (Foto: María Obelleiro)
Resulta dificultoso escribir sobre Cuba sen caer nos clixés que retratan un país poliédrico que, a día de hoxe, atravesa un dos seus peores momentos no aspecto socioeconómico. Pisar a illa supón adiar o calendario e mais o reloxo, e non só para o adaptar ao fuso horario correspondente, porque en Cuba o tempo flúe lento, máis lento que do normal. Para un pobo afeito a agardar, a présa viste un significado diferente, mais a desesperanza fai acto de presenza, porque vivir contracorrente, coas mans dos EUA apreixando con dureza o pescozo, supón máis que unha tarefa de supervivencia.

"Desculpa, pero antes de prepararche o orzamento, debes saber cal é a situación de Cuba: está moi mal, hai escaseza de alimentos, tamén para o turismo, e apagóns. Ademais, se viaxas a Cuba, podes ter dificultades para entrar nos Estados Unidos. Recomendamos que, se queres Caribe, vaias á República Dominicana ou a México". Con estas palabras, ou con outras semellantes, até tres axencias de viaxes consultadas trataron de disuadirnos de visitar Cuba. Os foros da Internet, se ben tamén advertían do contexto, resultaban máis plurais e mesmo alertaban de que a propaganda norteamericana inzaba as críticas de hoteis, casas de hóspedes e restaurantes publicadas en Google e Tripadvisor. 

Mellor, comprobalo por unha mesma e, a modo de "spoiler", para aforrar a lectura a quen non queira embarcarse nesta viaxe, a situación é mala, peor do que cría e do que me informaran, incluso con riscos de saúde pública para a poboación local, pero se se preguntan se paga a pena coñecer Cuba, tras percorrer 1.300 km pola illa, o si é rotundo, sen fisuras.

O turismo é unha das pedras angulares da estratexia trazada polo Goberno cubano no Plan nacional de desenvolvemento económico e social, pois constitúe unha das principais fontes de entrada de divisas e actúa de motor impulsor de sectores como a agricultura, de grande importancia no país. Porén, non cesa a sangría nas cifras de visitantes. Os datos preliminares da Oficina Nacional de Estatística e Información (ONEI) mostran unha caída do 27,6% no primeiro cuadrimestre do ano –que rexistrou 741.106 turistas– a respecto do mesmo período de 2024.

"Non hai turistas, hai plantas enteiras dos hoteis fechadas", relata un dos limpadores do histórico Tryp Habana Libre, convertido durante tres meses en cuartel xeral de Fidel Castro na Habana tras o triunfo da revolución. Máis de un terzo das 25 plantas están clausuradas e a meirande parte da planta 24, en que nos aloxaron, carece de hóspedes. Do esplendor do hotel só fican as fotografías antigas das estrelas de cine e de mandatarios nacionais e internacionais e as obras de arte que foron testemuña de xuntanzas gobernamentais. 

O funcionamento errático dos seis ascensores –houbo días en que non funcionaba ningún dos seis 'oficiais' e nos derivaron a un 'extraoficial', só para iniciados; outras en que non subían até a planta 24; outras en que ficabamos fechados...– é a metáfora que mellor resume a decadencia do que foi todo un símbolo hoteleiro da cidade, do que agora toma o relevo o seu veciño Iberostar Selection Habana, instalado na polémica Torre K, un xigante de cristal, aceiro e formigón de 42 andares, construído cun investimento estatal de 200 millóns de dólares. Un estabelecemento en que teñen prohibido aloxarse ou tecer relacións comerciais a cidadanía e as empresas estadounidenses, logo de que o presidente norteamericano, Donald Trump, endurecera as sancións contra a illa.

Máis de 130 hoteis "vetados" 

Son máis de 130 os hoteis cubanos vetados polos EUA, entre eles os xestionados por Meliá e Iberostar –firmas con sede nas Balears–, e cóntanse por ducias as tendas, empresas e axencias de viaxes prohibidas pola política de bloqueo contra a illa. Precisamente, durante a estadía en Cuba, Donald Trump anunciaba un paso máis na guerra económica contra o país ao imporlle novas sancións mesmo ao xefe do Executivo cubano, Miguel Díaz-Canel, aos seus familiares e a membros do seu Goberno.

Sobre a Autoestrada Nacional A-1 nin sequera poden descansar os restos do que semellaba un can, "xa onte estaba aí, os animais son o principal problema das estradas cubanas", dinos o taxista que nos traslada da Habana a Cienfuegos. Un voitre –coñecido alí como "aura tiñosa", e que sobrevoará os ceos cubanos ao longo da viaxe– acaba co pouco que fica do animal. Semella a aguia calva do emblema dos EUA chuchando dos poucos recursos dos que dispón a illa, cuxa crise socioeconómica é maior desde que a Covid fixo acto de presenza.

"Hai quen di que a culpa é do embargo, hai quen culpa o presidente e hai quen culpa o Goberno, mais o certo é que o embargo é unha realidade que o dificulta todo", resume o taxista, que advirte das diferenzas de poder adquisitivo da clase traballadora en función dos empregos. Os vinculados co turismo son os máis buscados, "aquí moita xente quere marchar en busca dunha vida mellor, porque hai moita necesidade, pero eu non teño queixa, sei que son afortunado traballando como taxista", confesa.

A quen non lles chega o salario para vivir é aos empregados e empregadas estatais. O Museo de Belas Artes da Habana –con verdadeiros tesouros pictóricos e escultóricos que evidencian a riqueza e versatilidade da cultura cubana– mantén fechadas dúas salas "por falta de traballadores", en palabras dunha das empregadas, "é difícil atopar persoas que queiran traballar con estes salarios baixos", afirma esta licenciada en Historia da Arte.

Un salario que non chega

O incremento do soldo estatal de 25,6% en 2024 non é suficiente para cubrir os gastos mínimos. Segundo os datos da ONEI, o ingreso medio foi de 5.839 pesos ao mes, 41,7 euros ao cambio oficial (1 euro cámbiase a 1,40 pesos) e 14,5 ao cambio informal (1 euro cámbiase a 400 pesos na rúa), mercado no cal se realizan boa parte dos intercambios monetarios no día a día.

Segundo os datos oficiais, a inflación triplicou os prezos desde o ano 2000, se ben en 2024 o IPC ficou no 24,88%. "Esta porcentaxe queda curta, é moito maior, pero non hai maneira de medir a inflación tendo en conta o comportamento do mercado negro", narra a camareira dun moderno hotel de Trinidad, quen cifra en 15.000 pesos ao mes o seu salario, máis as propinas. "O maior problema é a comida, unha familia de catro precisa cando menos 3.000 pesos ao día para comer, cando un cartón de ovos vale iso e o cesto básico con produtos esenciais que dá o Goberno non chega", engade a traballadora deste estabelecemento ateigado de cubanos emigrantes ataviados con roupa de firmas internacionais –coa marca ben grande– e con xoias de ouro. No extremo da praia María Aguilar, que a diferenza de espazos hoteleiros doutros países do Caribe non está valada, ducias de familias cubanas celebran o domingo conversando, brincando e rindo dentro da auga da piscina que forma o mar, mentres partillan as cazolas de arroz con feixóns que traen das súas casas.

Emigración

O agravamento da crise socioeconómica posterior á Covid-19 provocou a emigración dun maior número de persoas. Descoñécese a magnitude do fenómeno debido á desactualización do censo de poboación –o último data de 2012, xa que as dificultades económicas provocaron que se pospuxese o previsto en 2022–. Segundo a ONEI, a poboación efectiva descendeu un 10% de 2020 a 2023, por mor, sobre todo, da emigración, do envellecemento e da baixa taxa de natalidade. 

As últimas cifras oficiais sitúan a poboación efectiva do país, a 31 de decembro de 2024, en 9.748.532 habitantes. 

Polas rúas da Habana e de Trinidad non son poucas as persoas que tratan de interactuar connosco coa pregunta "¿Amiga, le puedo hacer una pregunta?" ou "Where are you from?", "¿No tiene nada para regalarme?", "¿Tiene chocolatinas, jabones, alguna ropa, zapatos, paracetamol?", "Le llevo al mejor restaurante de comida criolla!", "Hoy es el día del habano, voy a llevarlos a una cooperativa donde les harán el 50% de descuento"... "Hai bastante xente en Cuba que se bota a un lado e pide esmola, non loitan e prefiren falar mal do Goberno", explica o taxista. "Uns súan máis que outros para conseguir o diñeiro, pero conségueno e non pasan fame". Pon como exemplo o seu tío, pintor, que para complementar a escasa venda de cadros "meteuse a vender carbón", agora unha das principais fontes de enerxía empregadas na illa para cociñar. "Para a xente loitadora, a solución aparece", afirma o condutor, que logrou facerse cun coche propio tras anos traballando como camioneiro e de peón nunha empresa cementeira.

"Normalmente, a xente loitadora ten o que eu chamo un 'ademais de', é dicir, un traballo a maiores do seu, apáñase para vender algo". "Dunha ou doutra maneira, na meirande parte das familias entra diñeiro de fóra, dos parentes emigrados", agrega o taxista, que explica que debido aos baixos salarios estatais "cada vez máis rapaces deixan os estudos aos 14 anos, no noveno curso, aínda que para conseguir traballos máis especializados, hai que acabar o duodécimo curso". Atrás ficaron os tempos en que "a educación e a saúde eran todo". "Agora é cando nos decatamos do ben que estabamos con Fidel, que era unha eminencia, porque a educación e a saúde eran intocábeis. Da educación parte o futuro do país e a saúde é a base da sociedade", opina este taxista, "eu prefiro ter comida e medicinas e non Internet, pero ves persoas con boa roupa e cun bo celular ás que lles cae a casa enriba, é cuestión de prioridades", engade. A Educación Primaria é, na actualidade, de carácter obrigatorio e universal para as nenas e nenos de entre 6 e 11 anos e ten como principio ensinar, atender e educar, por igual, así como garantir a súa formación integral. 

Mentres o taxista retrata a súa visión sobre a situación de Cuba, observamos persoas protexéndose do sol baixo os viadutos da autoestrada. Levan algo na man. "Están facendo autostop e ensinan billetes, a cantidade que ofrecen a quen lle para depende da distancia que queren percorrer e da présa que teñan", acláranos.

Na mediana do km 90 da A-1 un home ofrece un cartón de ovos. A ambos os lados da vía, outras mulleres venden mangos e plátanos macho, empregados para fritir. Camiño a Viñales e a Trinidad, percíbese o potencial da agricultura cubana. Plantacións de tabaco, de arroz, de bananas, de allo, de cebolas, de mango... Nas estradas, os carros tirados por cabalos e bois compiten polo espazo cos triciclos eléctricos, coas bicicletas, coas motos, cos camións e cos coches. Ao pasar por Camajuaní, na provincia de Villa Clara, nótase un maior nivel de vida, "hai Mercedes e BMW", observa o taxista, que atribúe a intensa vida da vila á eclosión, no seu día, da fabricación de calzado. 

Tamén chama a atención o comercio de Cienfuegos. Desde roupa a televisores led, pasando por bazares, florarías e tendas de animais. Son as coñecidas como "mipyme" –micro, pequenas e medianas empresas–, negocios privados que abastecen a poboación con produtos dos que carece o Estado, mais onde non todas as persoas poden permitirse comprar. 

O centro histórico desta vila foi declarado Patrimonio Cultural da Humanidade pola Unesco. Un ancián descansa nun banco da praza José Martí, espera a que pase un veciño que pasea un can para lle protestar polo balón de fútbol que ficou abandonado ao pé da estatua do heroe nacional. "Leva aí días, e ninguén se molestou en retiralo", dille. "Compañeiro, non te preocupes, non ves que se confunde coa cor da mármore? Non se percibe", respóndelle o outro. O certo é que só reparamos na pelota, desinchada, ao escoitarmos a conversa. Nese momento, un grupo de nenos xoga nun extremo da praza ao fútbol, deporte que desbancou o béisbol como o máis seguido na illa.

A escasos 30 metros dos edificios con decoración neoclásica, tratan de manterse en pé as vivendas máis precarias. Ao fondo, na baía, navega un petroleiro, "o Goberno anunciou estes días a entrada dun novo buque e aí está", infórmanos unha veciña, que sitúa o prezo do litro de gasolina nos 350 pesos. "Así é", confirma un condutor dunha 'guagua' co cristal dianteiro estalado, "pero os prezos oscilan segundo os lugares, por exemplo, en Holguín varía dos 800 aos 1.000 pesos". 

A Habana ule ás 'plantas'

A carencia de enerxía é un dos problemas que máis afectan o país, cos apagóns como punta do iceberg da crise, mais o turismo apenas sofre a falta de luz. Os hoteis e os restaurantes privados, coñecidos como paladares, contan con "plantas" –xeradores de enerxía–, que non sempre son suficientes para manter acesos todos os aparellos. A Habana, de feito, ule ao combustíbel co que se alimentan estes grupos electróxenos. Nas rúas do centro da capital tamén cheira ao lixo acumulado –os camións reduciron a recollida para aforrar combustíbel– e á auga estancada nas fochancas. Aínda así, nas calzadas é onde as cubanas e cubanos desenvolven a súa vida.

Uns prefiren interactuar co "celular" –a conexión á Internet resulta máis rápida na capital cubana que en moitas aldeas da Galiza–, outros falan entre si sentados en portais que a duras penas soportan o paso do tempo. Nas facianas de quen se congregan, sós ou con veciños, bótase en falta a alegría e a felicidade do pobo cubano –un dos moitos estereotipos–. Apréciase, sobre todo, desánimo e desesperanza, aínda que tamén hai lugar para a retranca: "¿Confiamos en la revolución y en su proceso?", ironiza a propietaria dunha vivenda de Viñales. Ao "ditador" que "nos ten así, na miseria" só se referiu unha das ducias de persoas coas que interactuamos. E, paradoxalmente, foi a única que nos enganou. Era un home que acompañaba o chofer dun dos "almendróns" –vehículos antigos– que visten de cores as estradas cubanas. Dos 20 dólares que ía custar o percorrido a 40, "20 cada un, compañeiro", dixo ao final. 

É venres e o malecón da Habana ferve. Os lóstregos iluminan o ceo e as familias e os grupos de amigos comparten refrescos, anacos de pizza e selfies, alleos á tormenta. Durante 45 minutos, seguimos coa ollada un bote rudimentario que transporta un home no medio do mar picado. Non se albiscan aparellos de pesca, nin remo. Afástase da costa. Cada vez máis Anoitece e perdémolo de vista.