Rodrigo de Castro, a derradeira rebeldía do medievo galego

Castelo de Ponferrada

Foi o protagonista da derradeira rebeldía do medievo galego. Continuador da loita do seu predecesor á fronte do condado de Lemos Pedro Álvarez Osorio, partillou obxectivos políticos con Pedro Pardo de Cela e Pedro Álvarez de Soutomaior, enfrontándose ao proxecto regresivo no nacional e no social representado polos Reis Católicos e defendendo o Reino de Galiza como entidade de seu. A súa loita exemplifica a oposición dunha parte maioritaria da sociedade galega á política centralizadora de Isabel e Fernando, no marco dunha revolta autenticamente nacional e popular, partillada por igual polo conxunto das clases sociais do reino, que se alonga  por preto de sete anos, sendo só derrotada pola violencia e o terror xeneralizado.

 

A biografía de Rodrigo de Castro non está exenta de controversias. Segundo uns, tratase dun neto bastardo do vello conde Pedro Álvarez Osorio, a quen sucede ao fronte das terras de Lemos sendo aínda un mozo. Para outros, entre eles nós, seguindo a tese do conde de Castelo e máis recentemente de Eduardo Pardo de Guevara, sería fillo do seu antecesor, acadando o condado cando era unha persoa madura. Sexa como for, Rodrigo de Castro xogou xa un papel de destaque na política galega nos anos iniciais da década de 1480, primeiramente actuando a carón do vello conde, autentico orientador da revolta en palabras de Vasco da Ponte, posteriormente actuando por si, após a morte de Pedro Álvarez Osorio en febreiro de 1483, como cabeza da máis poderosa casa nobiliar de Galiza.

 

A súa participación será decisiva nalgúns dos capítulos políticos e militares da revolta galega contra os Reis Católicos. Así, en opinión Eduardo Pardo de Guevara, xogara un papel chave na concreción dos diversos acordos e requirimentos asinados pola nobreza galega a partir de 1477 para fixar unha táctica común coa que enfrontar a acción gobernativa dos novos monarcas. Á volta de 1482, acompañando o seu pai ou avó, atopámolo combatendo en Lugo contra as forzas castelás comandadas por Fernando de Acuña que tiñan ocupado a catedral fortaleza da cidade, onde rexía como bispo o irmán de Don Pedro Alonso Enríquez. O cerco de Lugo só será levantado unha vez que os Reis Católicos anuncien unha ofensiva de grande envergadura contra os señores de Lemos a comezos de 1483, chegando a desprazarse o propio rei Fernando a Galiza, como testemuñan as diversas resolucións ditadas polo monarca en marzo de 1483 en Astorga.

 

A súa participación será decisiva nalgúns dos capítulos políticos e militares da revolta galega contra os Reis Católicos

 

As terras do Bierzo, ligadas tradicionalmente á casa de Lemos, serán escenarios centrais da loita galega contra os Reis Católicos. A comezos de 1483, coincidindo co cerco de Lugo e o anuncio da expedición do rei Fernando contra Galiza, a situación na zona xa era explosiva, porén a correlación de forzas obriga Rodrigo de Castro a chegar a un acordo que remata coa perda do Bierzo. A principios de abril de 1485, aproveitando as circunstancias abertas coa nova situación militar en Granada, o novo conde de Lemos ergue outra vez a bandeira da revolta, iniciando accións militares ao longo do Bierzo e tomando o 11 de abril o castelo de Ponferrada, a principal construción defensiva da zona. A guerra galego-castelá entra nunha nova fase, acudindo á chamada de Rodrigo unha parte significativa da nobreza rebelde enfrontada aos Reis Católicos, como o xenro de Pardo de Cela Pedro Bolaño, concentrando pola súa banda Isabel e Fernando o groso da Santa Irmandade.

 

As accións militares desenvolveríanse ao longo dun ano malia o importante despregue de forzas castelás. Á volta de xullo de 1485, as tropas dos Reis Católicos, da que facían parte entre outros Fernando de Acuña, López de Haro, Alonso de Quintanilla, Miguel de Ansa ou o propio Mudarra, persoas dabondo coñecidas pola súa represión contra a sublevación galega, achéganse a Ponferrada pero son repetidamente derrotadas polas forzas galegas dirixidas por Rodrigo de Castro. A imposibilidade de tomar a praza dá paso a unha nova táctica pola parte castelá a partir de abril de 1486, abrindo novas frontes de combate e atacando o de Lemos na súa retagarda. Aínda así, non será até o verao de 1486, momento no que Isabel e Fernando deciden desprazarse en persoa a Galiza á fronte dos seus exércitos para combater Rodrigo de Castro, cando o novo conde de Lemos se ve na obriga de levantar o cerco e acordar cos castelás.

 

A derrota tería graves consecuencias para Galiza e tamén para o propio Rodrigo de Castro. O novo conde de Lemos vese obrigado ao exilio en Portugal durante cinco anos con parte dos seus fieis e o patrimonio do condado resulta minguado nunha parte moi importante, tanto no ámbito da actual Galiza administrativa como nas terras estremeiras da Cabreira e o Bierzo que comezan a se esgazar politicamente do país. A dura represión sufrida, que se alongará practicamente até a morte da raíña Isabel, non deu por vencido a Rodrigo de Castro que se volvería a erguer contra o poder real en 1507 aproveitando a inestabilidade aberta en Castela co morte do rei Filipe, as  novas alianzas tecidas cos fidalgos galegos, entre eles Fernando de Andrade, e o apoio da casa real portuguesa, a quen seguía ligado, desexosa de bater contra Castela. Nesta ocasión a acción de armas no Bierzo que remataría coa toma outra vez de Ponferrada, acadaría menor dimensión que anterior, chegando a un acordo en decembro dese ano coa raíña Xoana.

 

O novo conde de Lemos vese obrigado ao exilio en Portugal durante cinco anos

 

O fracaso da rebelión galega do século XV inicia unha nova etapa na historia de Galiza. A desaparición do reino de Galiza, como realidade política pero non administrativa, a supresión das institucións propias e a posta en marcha de novos organismos impostos desde fóra nutridos maiormente con funcionarios estranxeiros, a definición dun novo marco de relacións económicas de carácter colonial onde se favorece a drenaxe do aforro ou a persecución a nosa realidade cultural e lingüística, son algúns dos aspectos que significan o período. A historia continúa, pero o noso país entra noutra fase, definida pola incapacidade de iniciativa convertida nunha realidade marxinal da monarquía española.