Héitor Picallo: "Urraca e Reimundo gobernaron a Galiza como monarcas"
Este sábado, 20 de decembro, distribuirase como obsequio con Nós Diario unha biografía da raíña galega dos séculos XI e XII Urraca elaborada polo investigador e colaborador deste xornal Héitor Picallo Fontes. Este será o segundo dos tres volumes da colección 'As grandes raíñas galegas na historia'.
—Cal é o contexto do Reino da Galiza após a morte de Afonso VI e no momento de acceso ao trono de Urraca?
Pois é un momento en que todo muda con bastante fluidez. E sinalo isto porque entre 1107 e 1109 suceden tres importantes acontecementos. Primeiro, a morte do marido de Urraca, Reimundo de Borgoña; segundo, o pasamento do infante Sancho Afonso, fillo natural de Afonso VI e que fora escolleito por este para herdar os seus dominios, e, por último, a morte do vello rei, Afonso VI. Ademais, este deixara indicado que se Urraca casaba en segundas nupcias o trono galego habíaselle reservar a Afonso Reimúndez, o fillo de Urraca e do conde borgoñón.
—Unha dos aspectos que xera máis controversia a nivel historiográfico é a consideración que Urraca tiña da Galiza e a posición sobre ela das clases dirixentes galegas. Cal é a súa opinión neste debate?
Baixo o meu punto de vista, hai un antes e un despois tras o pasamento de Afonso VI. Casada Urraca con Reimundo resulta obvio que estes gobernan Galiza, e incluso Coimbra durante un tempo, con non grandes dificultades coas elites dese momento. Tras a morte de Afonso VI, e non lle cumprindo Urraca aquela promesa ao seu pai, Pedro Froilaz de Traba, outros membros da aristocracia revíranse en contra dela. E o noso país, malia sucesos particulares de rebeldía, fica impermeábel á súa política, sobre todo após a coroación en 1111 de Afonso Reimúndez como rei da Galiza. As tensións con este seu fillo, con Pedro Froilaz e Xelmírez, serán continuas. E iso que en 1115 aínda pretendía o trono galego.
—Sinala no seu libro 'Urraca. Totius Gallecie imperatrix' que Urraca se fixo chamar a si mesma "emperatriz de toda Galiza". Que pretendía destacar con esa designación?
Certamente esta tamén resulta ser unha das intitulacións de Urraca. Que se denomine como tal non deixa de subliñar a súa soberanía e autoridade sobre o noso país. Pero, baixo o meu punto de vista, resulta clave o momento no que ela o di. Que fose en 1108 é significativo, pois no ano anterior falecera o seu marido, que, ademais de se cualificar príncipe de toda Galiza, tamén proclamou ser "emperador de toda Galiza". Cando este o fai é xusto despois de sortear a morte, nun momento no que ninguén pode discutir que o pai de Urraca era unha persoa de bastante idade e carente xa das forzas que tivera noutros anos.
Urraca e Reimundo quizais se contemplaban ocupando boa parte dos dominios do vello rei e, obviamente, o dereito a intitularse reis da Galiza. Tamén é veraz que esta non foi a única ocasión na que empregou a fórmula que estamos a comentar. En 1089, segundo o Tombo de Samos, proclamábase “a infanta Urraca gobernando na Galiza”, tal e como nese mesmo códice o seu marido fica como “Raimundo conde de toda a Galiza”. E sinalamos isto último porque non sobra lembrar que nin ela nin el, desde os anos noventa do século XI até o pasamento de Reimundo, se dixeron reis da Galiza, malia subliñar Urraca a súa condición de infanta e el de conde. E aínda sendo así, Urraca e Reimundo gobernaron a Galiza como monarcas e máis aínda ela no breve período comprendido entre a morte do seu pai en 1109 e a coroación de Afonso VII en 1111 como rei da Galiza.
—Unha das cuestións que investiga no seu traballo é o tratamento dado a Urraca nas crónicas da época. Cales son as liñas centrais das mesmas e a que responden?
Aínda que foron varias as crónicas que consultei, quero facer fincapé en dúas delas. A primeira é a Historia Compostelá, a máis explícita en cualificativos. De forma tendenciosa, e botando a auga ao seu muíño, os amanuenses que redactaron ese códice entréganlle a Urraca atributos como os de mala nai, mala raíña, rancorosa muller e traizoeira, case que endiañada, indecisa, impía, inestábel, inexperta, temperamental e luxuriosa. Este último cualificativo propínase por ter contado con certas relacións sentimentais sen pasar pola vigairía. Refírese sobre todo ao feito de ter como parella durante uns anos ao conde Pedro González de Lara, con quen ten cando menos dous fillos e sen ter posto con el o aro nupcial.
Porén, os cualificativos ao seu primeiro marido foron máis xenerosos e, como non, os que se lle asigna a Diego Xelmírez, que alén de plasmar a figura dun gran relixioso e militar vese unha clara intención de lle atribuíren calidades de santo varón. Por se isto fose pouco, a Crónica Compostelá afirma dela que reinou de xeito tiránico e mulleril durante 17 anos e que a súa “infeliz vida” remata o 8 de marzo de 1126 co nacemento dun fillo ilexítimo. Tanxíbel está a misoxinia nestes textos.
Urraca e Afonso 'O Batallador'
Un dos aspectos máis debatidos no ámbito historiográfico é o matrimonio de Urraca con Afonso 'O Batallador', así como a relación co seu fillo Afonso VII. A este respecto, Héitor Picallo apunta que Afonso I de Aragón e Urraca estaban interesados, pois co enlace os dominios serían ben amplos. Alén dos dominios de Afonso VI, excluíndo Galiza, aínda que disputada por ambos os cónxuxes a Afonso VII, agrandábase o imperio cos reinos de Aragón, Iruña e non poucos señoríos. "Ao final, resultoulles mal a empresa, pois Afonso 'O Batallador' frustra o matrimonio por mor do seu carácter e temperamento. Urraca sería maltratada por el de forma verbal e fisicamente", sinala. Ao tempo, Picallo incide na "intención de Urraca de gobernar si ou si, e case a calquera costa en exclusividade, o territorio galego, privándollo por conseguinte ao seu fillo".