Anima o Tramabús de Podemos a vir a Galiza

Yolanda Díaz dá un "paso ao lado" e non optará á reelección como líder de EU

Yolanda Díaz Radio Galega

Anunciouno nunha entrevista na RG. "Os últimos catro anos foron moi intensos", afirma. A aínda líder de Esquerda Unida reiterou as súas críticas á executiva de En Marea, que considera pouco "inclusiva". "Desta forma restamos, non sumamos".

Moi envorcada na política estatal e cada día máis perto de Pablo Iglesias, Yolanda Díaz anunciou esta terza feira que o próximo mes de xuño, na XII Asemblea Nacional de Esquerda Unida, non optará á reelección do seu cargo como coordenadora nacional.

Non estaríamos, dixo, perante un "paso atrás" e si perante un "paso ao lado", dixo a parlamentar, quen alegou que os últimos catro anos foran moi intensos.

Perguntada ao respeito, Díaz reafirmou as súas críticas á Coordenadora (executiva) de En Marea que lidera Luís Villares, da que dixo que é pouco inclusiva. De todos xeitos, rebaixou algo o ton das súas obxeccións ao matizar que a confluencia está aínda "en proceso de experimentación" e que por tanto todo sería susceptíbel de mellora.

Animou tamén o Tramabús de Podemos a vir a Galiza e até suxeriu algúns rostos que poderían ilustrar a carrocería do vehículo: desde os antigos diretivos das caixas até "Villar Mir coas nosas hidroeléctricas ou outros que pasan de bicos nos pés, pero que imos ver como acaban: Pepiño Blanco [dixo en alusión ao ex vicesecretario xeral do PSOE] e cargos do PP relacionados co Alvia, que parece que algo están a ocultar ou aquel señor que se retirou, Paco Vázquez", dixo.

Díaz fai parte do sector de Esquerda Unida máis comprometido co proxecto de fusión orgánica co Podemos de Pablo Iglesias.