A Xustiza condena o director da CRTVG, que terá que rectificar a "noticia falsa" sobre o BNG
Nun documento ao que tivo acceso Nós Diario, a Xustiza emitiu sentenza “estimando a demanda presentada pola representación do Bloque Nacionalista Galego fronte a don Alfonso Sánchez Izquierdo e a Corporación Radio e Televisión da Galiza”.
“Declárase o dereito do Bloque Nacionalista Galego a rectificar a información difundida no programa Telexornal Mediodía, emitido pola canle de Televisión da Galiza, da Corporación Radio e Televisión da Galiza o día 10 de xaneiro de 2025, alusiva á ausencia do Bloque Nacionalista Galego do acto convocado pola Fundación Castelao con motivo do 75º aniversario do seu falecemento, decorrido o día 7 de xaneiro de 2025 no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, en Santo Domingo de Bonaval”, sentencia o documento.
Por este motivo, “condénase a don Alfonso Sánchez Izquierdo, como director da Corporación Radio e Televisión da Galiza, e á Corporación Radio e Televisión da Galiza a difundir e divulgar [a rectificación], no programa da Televisión da Galiza, Telexornal Mediodía, no prazo de tres días desde a data da firmeza da sentenza e con igual relevancia á que tivo a noticia rectificada”.
“Acabamos de recibir a sentenza que condena a CRTVG por mentir e manipular contra o Bloque Nacionalista Galego, dános a razón a Xustiza na demanda exixindo dereito de rectificación despois de que a Televisión da Galiza emitira unha ‘burda’ mentira no Telexornal Mediodía contra o BNG dicindo que ninguén da nosa organización participara no acto de conmemoración do 75 cabodano da morte de Castela”, salienta a deputada nacionalista Olalla Rodil.
“Algo que era absolutamente falso e que era facilmente contrastábel mesmo con imaxes que foron emitidas pola propia TVG”, engade. “Agora na sentenza, o xuíz obriga e condena a CRTVG a ter que rectificar e a facelo nos mesmo termos nos que foi difundida a mentira”, destaca Rodil.
Polo tanto, sinala, “a CRTVG terá que ler integramente na súa literalidade a primeira parte da carta de rectificación que lle enviamos á Dirección Xeral”. Ademais, a nacionalista denuncia que “esta é unha práctica habitual que temos denunciado moitas veces, a manipulación informativa á que o Partido Popular somete os medios de comunicación públicos do noso país é cada vez máis obscena e máis insoportábel”.
Por iso, acrecentou, “desde o BNG parabenizámonos por unha vitoria que é do conxunto da cidadanía deste país, esta é unha sentenza que dá á razón ás galegas e aos galegos, non ao Bloque Nacionalista Galego, e sobre todo que fai prevalecer a verdade e o dereito que temos a xente deste país a ter uns medios de comunicación que sexan plurais, que sexan veraces e que sexan obxectivos”.
“É unha sentenza que se suma a moitas outras que ten xa no seu haber a actual dirección da CRTVG pola vulneración de dereitos fundamentais tamén do seu cadro de persoal”, afirma Rodil. Por iso, continúa, “desde o Bloque Nacionalista Galego seguiremos insistindo e traballando polo dereito de todas as galegas e de todos os galegos a ter uns medios de comunicación públicos ao servizo do seu país, que respondan á pluralidade e á diversidade que existe na sociedade galega”.
“O que ten o Partido Popular hoxe, é unha CRTVG única e exclusivamente ao seu servizo convertida no seu terminal de propaganda. Demos [con esta sentenza] un paso máis no rescate e na defensa dos medios de comunicación pública da Galiza”, concluíu a deputada nacionalista sobre a decisión da Xustiza.
A CRTVG recorrerá a sentenza
En declaracións a Nós Diario, a CRTVG afirma que “foi a primeira en admitir o erro o día da súa emisión. Era un erro evidente xa que foi a propia TVG quen emitira as imaxes do acto da Fundación Castelao no Telexornal tres días antes e con planos claros da participación de membros do BNG no mesmo, polo que non hai dúbida da falta de intencionalidade”.
“A Corporación rectificou de forma inmediata na rede G24Noticias de informativos, onde lle foi solicitado, ao ser o medio máis rápido e de maior difusión antes de chegar ao seguinte informativo da tarde en televisión, onde se emitiu a información correcta”, engadiu. “A CRTVG demostrou responsabilidade, dilixencia e boa fe á hora de recoñecer o erro, e recorrerá a sentenza xa que se entende que a sentenza excede os límites do dereito de rectificación", conclúe a Corporación.