Xuntanza da Coordinadora Nacional

Anova carga contra a dirección actual de En Marea

[Imaxe: Anova]

Este sábado Anova organizou unha xuntanza da súa Coordinadora Nacional cun tema sobre a mesa: o plenario de En Marea que se celebrará o día 27 de outubro. O partido liderado por Antón Sánchez expresa a súa preocupación pola “deriva burocrática” do espazo común.

Anova, cuxa Coordinadora Nacional se reuniu este sábado en Teo, vén de difundir un comunicado de imprensa en que carga coa dirección actual de En Marea, á que acusa de iniciar “unha deriva burocrática” que “dilúe a súa orientación política rupturista e lamina a pluralidade interna do espazo, convertendo na práctica a En Marea nunha opción de parte e non no punto de encontro da Unidade Popular en Galicia”.

 

“Vemos con especial preocupación que o debate do Plenario 27 de outubro teña o seu centro en cuestións internas, nun debate no que cuestións procedimentais e internas ocuparán a maior parte do tempo do debate en detrimento do necesario debate de ideas”, critica Anova, que considera que o documento político que se presenta “non defende ningunha orientación política e estratéxica clara, o que na práctica supón un cheque en branco para a dirección que saia eleita neste proceso”. Así, a Coordinadora Nacional advirte de que a dirección que saia elixida poderá adoptar calquera decisión “nun momento decisivo no que hai que revalidar os gobernos municipais e ampliar a rede de mareas municipalistas”.

 

Anova critica os prazos de inscrición

 

O comunicado de imprensa tamén recolle o malestar polos prazos de inscrición no censo de En Marea, “recortan en case un mes o tempo para darse de alta no censo”. A este respecto, Anova anuncia que promoverá emendas que permitan ampliar estes prazos. Aliás, o partido encabezado por Antón Sánchez ve “sorprendente” que o Consello de Mareas “esixa que un organismo superior como o Plenario teña que ter unha maioría de dous terzos para introducir emendas ao Regulamento que estabelece o seu funcionamento”.

 

A Coordinadora Nacional de Anova avoga por  “recuperar as posicións de ruptura e armar un espazo realmente respectuoso coa pluralidade como garantía máxima para blindar as mareas municipalistas e dar a batalla contra o Partido Popular”. Así, chama a “todas e todos” a “relanzar En Marea como ferramenta de ruptura co Réxime do 78”.