A Xunta valora retirar a protección policial a unhas 600 vítimas de violencia machista
Cando o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, anunciou esta quinta feira ante a prensa que o Goberno galego estaba disposto a retirar a protección policial ás vítimas da violencia machista seguramente en non poucos fogares galegos cundiu algo máis que preocupación. O Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Vioxén) contabiliza 6.133 casos activos de mulleres baixo protección policial, 50 delas en risco alto ou extremo. O teléfono 016 de atención a vítimas de violencia de xénero recibiu 3.778 chamadas desde Galiza no último ano, unha media de dez diarias. Os datos do segundo trimestre de 2025 rexistran que os Xulgados de Violencia sobre a Muller recibiron 2.051 denuncias, 5% máis en comparación co mesmo período de 2024.
Neste contexto, o que suporía o cumprimento por parte do Goberno galego da súa ameaza de retirar a protección policial ás vítimas ten a súa resposta na propia Memoria de 2024 da Unidade de Policía Nacional adscrita á Galiza (UPA), presentada en abril. A UPA prestou vixilancia e protección a 649 mulleres vítimas da violencia de xénero ao longo dese ano, 10% máis que no ano anterior -Nós Diario requiriu á Xunta as cifras actuais, mais ao feche desta edición seguíase sen resposta-. O traballo dos efectivos da Unidade de Policía Nacional adscrita á Galiza do sistema Vioxén permitiu a detención de catro persoas o ano pasado. Neste período tamén realizaron outras actuacións, como máis de 32.000 accións de vixilancia na contorna da vítima ou do agresor e perto de 7.000 contactos coas vítimas ou agresores. Ademais realizáronse 1.400 acompañamentos ás vítimas en accións como acudir aos xulgados, á comisaría ou á recollida de pertenzas, e elaboráronse máis de 2.700 informes e valoracións de risco.
Todo isto non terá continuidade se o Executivo que preside Alfonso Rueda opta por efectivizar a ameaza de retirar a UPA da protección ás vítimas. Unha intención que o Goberno galego mantén sobre a mesa malia o rexeitamento ao anuncio feito por Diego Calvo por parte da oposición, o feminismo ou desde voces da propia xudicatura. O propio Diego Calvo reiteraba onte que con esta ameaza o que procuraban era incidir en que a UPA presta na Galiza servizos que noutras comunidades non se realizan e por iso o seu financiamento debe ser particular e ter máis persoal. Coa retirada da protección, apuntaba, o que se quería era defender "prestar uns servizos de calidade" e que nesta caso a postura da Xunta "é responsábel e vela polos intereses das vítimas". Sobre as críticas ás súas palabras, dixo que lle chamaba a "atención" que "algúns queiran ver nisto outro tipo de comportamentos".
"Non somos moeda de cambio"
Marta Romero, portavoz da Marcha Mundial das Mulleres, indica a Nós Diario que o movemento feminista está valorando convocar mobilizacións e actos de protesta ante unha ameaza "inadmisíbel". "O que están dicindo é que van deixar desprotexidas as mulleres ante as agresións e a violencia, é moi grave", critica Romero. "As mulleres non somos moeda de cambio nunha negociación entre a Xunta e o Goberno estatal", sentencia.
Pola súa parte, Paz Filgueira, xuíza de Santiago experta en violencia machista e actualmente maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 de Compostela, con competencias en violencia sobre a muller; manifesta a este medio que a retirada da protección "non é unha medida adecuada", e que é "un erro restrinxir" ese labor. "Temos que ir cara a ampliar o número de efectivos" que traballan na violencia de xénero, "e non só en protección, tamén en tarefas de prevención e en investigación", engadiu a xuíza.
"Non consentiremos ameazas", di a ministra
Onte, a secretaria xeral do PP galego, Paula Prado, defendeu as palabras de Calvo e sostivo que "o Estado debe garantir a protección". Pola súa parte, a ministra de Igualdade, Ana Redondo, sinalou que "desde o Ministerio non imos consentir ameazas. Exixiremos o cumprimento da Lei contra a violencia de xénero e a correcta execución dos fondos do Pacto de Estado".
O deputado Iago Tabarés (BNG) acusou Calvo de "cruzar todos os límites do admisíbel na estratexia de radicalización do PP na súa confrontación co Goberno do Estado". Reclamou ao presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, que desautorice o conselleiro e emprazouno a garantir que a protección das vítimas de violencia machista siga prestándose.
A deputada do PSdeG Paloma Castro acusou o Goberno galego de “traspasar unha fronteira institucional e ética que nunca se debería cruzar” ao Calvo persistir onte nas súas declaracións.
"A Policía adscrita ten hoxe máis de 20 axentes destinados a acompañar e protexer o presidente Rueda en actos públicos e só 13 para salvagardar a vida de mulleres baixo ameaza real. Esa é a prioridade da Xunta", dixo.
“É indigno utilizar as vítimas de violencia machista como arma política”, engadiu Paulo Carlos López, líder de Sumar Galicia.
Así son os catro niveis de protección das vítimas
A entrada no sistema Vioxén de protección ás vítimas principia cunha denuncia, que non ten por que estar posta pola vítima. O primeiro paso é determinar o nivel de risco, competencia dos axentes que instrúen dilixencias. Hai catro: 'baixo', 'medio', 'alto' e 'extremo'. No risco 'baixo' o protocolo do Ministerio do Interior estabelece que os axentes facilitarán á vítima teléfonos de contacto 24 horas cos corpos de seguridade e realizarán contactos ocasionais con vítima e agresor. No risco 'medio' —hai case 900 mulleres na Galiza neste nivel—, os axentes realizarán unha vixilancia ocasional do domicilio e lugar de traballo da vítima, así como das entradas e saídas dos fillos e fillas do colexio, e comprobarán periodicamente que o agresor cumpre as medidas. Se o risco é 'alto' (48 mulleres na Galiza), a vixilancia do domicilio, traballo e colexio será "frecuente" e o protocolo recolle que os axentes insistirán á muller sobre a conveniencia de que se traslade a un centro de acollida ou domicilio dun familiar. Haberá un seguimento do agresor e contactos con xente da contorna de ambos os dous. Por último, o risco 'extremo' (nel están dúas mulleres), implica a vixilancia 24 horas da vítima. Ademais, farase un "control intensivo dos movementos do agresor".