A ministra de Igualdade avisa a Xunta de que "non consentirá ameazas" e exixe cumprir lei contra violencia machista
A ministra de Igualdade, Ana Redondo, avisou a Xunta da Galiza de que "non consentirá ameazas" e exixirá o cumprimento da Lei contra a violencia de xénero e a "correcta execución" dos fondos do Pacto de Estado.
Así o sinalou a través dunha publicación no seu perfil da rede social 'X' tras as declaracións do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, nas que asegurou que se non hai avances na renovación do convenio e mellora da Unidade de Policía Adscrita, esta deixará de prestar outras funcións "que non sexan de competencia autonómica" e apuntou á protección de vítimas de violencia machista.
"Desde o Ministerio de Igualdade non imos consentir ameazas. Esixiremos o cumprimento da Lei contra a violencia de xénero e a correcta execución dos fondos do Pacto de Estado", afirmou Redondo.
O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, asegurou que as palabras nas que o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, avisou ao Executivo estatal que ou avanza coa Policía adscrita ou retiraralle tarefas como protexer a vítimas de violencia machista, son dunha "magnitude inaceptábel" e censurou que use ás mulleres vítimas como "moeda de cambio".
A Memoria de 2024 da Unidade de Policía Nacional adscrita á Galiza (UPA), presentada en abril. A UPA prestou vixilancia e protección a 649 mulleres vítimas da violencia de xénero ao longo dese ano, 10% máis que no ano anterior -Nós Diario requiriu á Xunta as cifras actuais, mais ao feche desta edición seguíase sen resposta-.
O traballo dos efectivos da Unidade de Policía Nacional adscrita á Galiza do sistema Vioxén permitiu a detención de catro persoas o ano pasado. Neste período tamén realizaron outras actuacións, como máis de 32.000 accións de vixilancia na contorna da vítima ou do agresor e perto de 7.000 contactos coas vítimas ou agresores