A Xunta da Galiza quere reactivar antes de que remate o ano 60 dereitos mineiros
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, expuxo esta terza feira ante o pleno do Parlamento as liñas mestras do departamento para a presente lexislatura, entre as que están un novo plano eólico, a reactivación do sector da minaría ou avanzar na "descarbonización" da economía galega.
"Temos recursos naturais que outros territorios ansían e non teñen", afirmou esta terza feira a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, na súa comparecencia no Parlamento da Galiza para expor as liñas xerais de actuación do seu departamento nesta lexislatura. E eses recursos non se refiren só aos que hai na superficie—vento, sol, auga—, tamén se estenden ao subsolo. O "aproveitamento dos recursos mineiros" vai ser un dos cinco puntos estratéxicos da súa Consellaría. O sector mineiro, afirmou, é "esencial" para "permitir contrarrestar o despoboamento do rural" e a Galiza posúe recursos no seu subsolo "de gran valor e importancia" e que teñen o seu reclamo no "modelo industrial", de aí que haxa que "fortalecer o sector mineiro". Neste camiño, anunciou María Jesús Lourenzá, antes de que remate o 2024 reactivaranse 60 dereitos para minaría. Unha convocatoria dirixida a empresas interesadas en pedir solicitudes de investigación sobre dereitos mineiros caducados e que a Xunta quere volver sacar ao mercado. Hai ao redor de 200 dereitos mineiros —de permisos de explotación a concesións— na Galiza que están caducados, segundo os cálculos do propio Goberno galego. Estes permisos pídense para coñecer se hai recursos valiosos baixo o solo das denominadas “cuadrículas mineiras”. Esta é unha unidade de división de entre 27 ou 28 hectáreas. A Galiza ten 29.500 km2, polo que ten perto de 105.000 redes mineiras.
A Galiza é líder en minerais como a rocha ornamental, o granito ou o seixo. Tamén destaca en certos materiais interese para sectores estratéxicos, como o cobalto, tántalo ou magnesio. O pasado mes de xullo, a preguntas de Nós Diario sobre as alegacións e protestas veciñais nas comarcas da Limia e Verín ante as prospeccións dunha empresa madrileña na zona procurando litio, o presidente galego, Alfonso Rueda, afirmara que non ía "tolerar" que non se aproveitasen os recursos mineiros da Galiza. Esta terza feira, a conselleira incidiu na importancia do "aproveitamento" dos recursos da minaría.
A xestión da Xunta da Galiza en materia mineira bateu nos últimos anos con decisións xudiciais e mobilizacións sociais en contra de varias explotacións, como foron os exemplos de San Finx (Lousame, comarca de Noia), Touro (comarca de Arzúa) ou a de Penouta (Viana do Bolo, comarca de Viana) e a de Muras (A Terra Chá), entre outras.
A conselleira Lourenzá situou a importancia da minaría no marco da "estratexia industrial" da Xunta para a Galiza á par da de sectores como a eólica ou o madeireiro. "O principal obxectivo de todo isto é o desenvolvemento da Galiza", argumentou a conselleira, ligando este desenvolvemento mesmo co "mantemento do estado de benestar".
"Barra libre"
Tanto o BNG como o PSdeG acolleron con escepticismo a exposición da conselleira no Parlamento. "Barra libre para o espolio dos nosos recursos", resumiu o portavoz do BNG no debate, Brais Ruanova. O nacionalista achacou a Lourenzá que a Xunta basee a súa política enerxética e industrial nunha Lei de Recursos Naturais que é "un cabalo de troia" a través da cal "se poñen os recursos da Galiza en mans privadas". Lamentou que o departamento de Economía e Industria optara a través da sociedade Recursos da Galiza por uha comercializadora de enerxía privada e non por unha "100% pública", así como que as políticas da Xunta nestes anos relegaran o sector industrial a 16% do PIB —lonxe dese 20% que aconsella a Unión Europea—. "un país sen industria está condenado ao fracaso, din. Nós dicimos que un país sen industria propia e sen ser dono dos seus recursos si que está condenado ao fracaso", apuntou. Ruanova tamén criticou a Consellaría por "eliminar" o ano pasado o seu complemento ao bono social térmico, que percibían 82.000 familias, e negarse a recuperalo.
"Sen rumbo"
Patricia Igrexas (PSdeG) acusou o Goberno galego de non ter "estratexia nin rumbo" en política enerxética e industrial e acusou o Executivo presidido por Alfonso Rueda de procurar "privatizar os nosos recursos naturais". "Vostedes non confían no público", reprochou á conselleira en relación á comercializadora de maioría privada na que participa a Xunta a través de Recursos da Galiza.
A deputada socialista criticou a “improvisación, falta de transparencia e opacidade” do Goberno galego por constituír esa Sociedade de Recursos de Galiza, "constituída antes de ter soporte legal para deixar a súa dirección nas mans do sector privado".
O portavoz do PP neste debate, Lorenzo Gómez, cargou con dureza contra nacionalistas e socialistas. Acusou ambos os dous de ter un discurso "catastrofista" e "rabioso" e de practicar o "negacionismo" cara ás políticas do Goberno galego.
Estratexia azul
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, presentou esta terza feira en Compostela a Estratexia da Economía Azul da Galiza 2024-2027, onde instou as organizacións ecoloxistas a que non haxa "posturas maximalistas de exclusión" de proxectos a desenvolver no mar, no que se entende como unha referencia á eólica mariña.
Mínimo de dous anos para ter un novo plan eólico
A eólica tivo un lugar destacado na comparecencia desta terza. A conselleira Lourenzá aproveitou para anunciar que os promotores eólicos deberán asinar os contratos PPA (acordos a longo prazo cun prezo fixo) con empresas galegas "cando menos" por 50% da enerxía producida. Unha medida, sinalou, que reflicte o "compromiso" do Goberno galego. Para Brais Ruanova, porén, a realidade a día de hoxe é que "o noso vento ten nomes propios como Iberdrola ou Endesa"
Para Patrica Igrexas hai unha "paralización insoportábel" da eólica na Galiza responsabilidade do Executivo galego e que se concreta nos ao redor de 70 parques paralizados ou suspendidos por decisión do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG). A conselleira respondeu que ela sempre respectou as decisións xudiciais sobre os eólicos. Porén, a mediados do ano pasado María Jesús Lourenzá acusaba esas sentenzas do alto tribunal galego de crear "inseguridade xurídica". Tamén aludía daquela á súa experiencia "como xurista" para advertir de que estas medidas cautelares que supuñan a suspensión dalgúns parques "deben estar baseadas na presunción dun bo dereito ou un perigo de mora procesual". Esta terza, a conselleira incidía en que o Goberno galego "vai usar a única vía que hai, a xudicial" para defender eses parques.